As pandereteiras Bouba actúan este sábado en Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Presentarán o seu último traballo 'Termando dos marcos' na casa museo de Manuel María
bouba-pandereteiras
12 Mar 2025

Este sábado 15 de marzo, ás 19.30, a Casa-Museo Manuel María acolle o concerto das Bouba, que presentarán o seu último traballo Termando dos marcos.

A formación, composta por catro mulleres veciñas da Pontraga (Tordoia), na comarca de Ordes, traerán música de nove pequenos lugares de Galiza que mostrarán o poder do legado cultural transmitido polas nosas maiores e a forza da nosa música e do noso canto. Pezas para continuar cantando e bailando, que salientan polo que contan, pola súa melodía ou polo modo de tocar e que as Bouba interpretan con instrumentos variados (pandeiretas, pandeiras, legóns...)

Bouba pandeireteiras presentan este novo traballo que poderemos desfrutar este sábado da seguinte maneira:

Despois de toda a emoción de Vinculeiras chegou a merecida calma e puidemos erguer con paciencia o que é o novo proxecto das Bouba.

"A lume lento e un bocado máis maduras reparamos en nós e no mundo e creamos algo novo, pequeno, local, desde as marxes. Máis ca nunca resituámonos na aldea que nos pariu, a que nos dou o nome e nos mostrou que sen nós non había futuro. Non é esta cousa boa de facer nun país cada vez máis asoballado polo capital e a desmemoria. Sabémonos metidas nunha noite de séculos, como cantaban Fuxan os ventos, mais resistir é de xustiza. Agarrarémonos coma carrachas aos marcos porque son nosos, e sabedoras de que precisan novas miradas, irémolos mudando para ter a vida que queremos. Aquí estamos, Bouba, para seguir sendo, termando dos marcos. Os marcos somos nós".

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Todos as pezas musicais do disco Termando dos marcos pódense escoitar en aberto nesta ligazón. Esta actividade conta coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.14005303382874