As panxoliñas seguirán enchendo as rúas lucenses ata o día 7 de xaneiro

LugoXa
Las corales siguen llenando las calles de Lugo de villancicos. La programación se extenderá hasta el 7 de enero.
Actuación Coral Polifónica Xolda rúa Raíña
30 Dec 2021

A Coral Polifónica Xolda e Schola Gregoriana Lucensis actuaron na tarde de onte nas rúas céntricas de Lugo, dentro do programa Cantos de Nadal organizado pola Vicepresidencia da Deputación.

Cun repertorio adaptado a estas datas, con panxoliñas e outras pezas populares vinculadas ao Nadal, as dúas agrupacións lucenses atraeron a atención das persoas que paseaban polas rúas da Raíña, Progreso ou pola contorna da Praza Maior.

A programación, na que tamén participan a Asociación Músico Vocal Xeada, Conxunto Vocal Lugh, Orfeón Xoan Montes, Orfeón Lucense, Ecos do Miño, o Coro de Amigos do Camiño de Santiago e Cantar Delas, continúa ata o vindeiro 7 de xaneiro.

No día de hoxe, ás 18.00 será o conxunto vocal Lugh o que actúe na rúa do Progreso, na rúa da Raíña fronte a Facenda e no fondo da Praza Maior. Ás 20.00 será o Orfeón Lucense o que cante na Rúa da Raíña fronte a Facenda e no fondo da Praza Maior.

A programación continuará o 2 de xaneiro ás 19.00 horas coa Asociación Músico Vocal Xeada na Praza de San Marcos.

O martes 4 de xaneiro, serán Ecos do Miño, Orfeón Xoan Montes e o Coro Amigos do Camiño de Santiago os que acheguen as panxoliñas á rúa do Progreso, rúa da Raíña, Praza Maior e Praza do Campo.

Para rematar este ciclo de coros, o venres 7 de xaneiro, o coro Amigos do Camiño de Santiago actuará ás 20.00 horas na rúa da Raíña, no fondo da Praza Maior e na Praza do Campo.

0.21474099159241