As persoas maiores de 60 anos aínda se poden apuntar ao programa 'Xuntos polo Nadal' da Xunta
A Consellería de Política Social e Igualdade ten aberto ata o 25 de novembro o prazo de inscrición no programa Xuntos polo Nadal, dirixido a aquelas persoas de 60 anos ou máis que vivan soas e non teñan compañía para pasar as festas.
O delegado territorial, Javier Arias, explica que se ofrecen 270 prazas para convivir durante esas datas con outras persoas que se atopen na mesma situación. Os destinos serán as residencias de tempo libre de Panxón (Nigrán) para os inscritos de Lugo e Pontevedra, e O Carballiño para os participantes da Coruña e Ourense.
O programa consiste en estadías de 15 días que abranguen do 24 de decembro deste ano ao 7 de xaneiro de 2025. Está incluído o aloxamento e a manutención a pensión completa, así como os desprazamentos de ida e volta dende a cidade de Lugo.
Os requisitos son ter 60 anos; estar empadroado en Galicia; vivir sós no seu domicilio e non ter con quen pasar as datas do Nadal; ademais de valerse por si mesmos, entre outros. Para baremar as solicitudes, terán prioridade as persoas que perderan ao seu cónxuxe ou á persoa coa que convivisen nos últimos anos, as que teñan máis idade e ás que non participaran en edicións anteriores.
As inscricións poden realizarse preferentemente por vía telemática na sede electrónica da Xunta, ou ben de maneira presencial. As solicitudes deben de ir acompañadas da declaración responsable e do informe social que figuran nos modelos oficiais da convocatoria.