As piscinas municipais de Frigsa serán gratuitas durante o mes de agosto

LugoXa
Lara Méndez eximirá do pago de acceso ás piscinas exteriores para que ningún veciño deixe de ter a oportunidade de refrescarse
piscinas exteriores frigsa
4 Ago 2022

Lara Méndez anunciou que, ante a negativa da Xunta de Galicia a que os e as lucenses poidan gozar da plataforma de baño este verán no Miño, eximirá desde mañá do pago de acceso ás piscinas exteriores de Frigsa durante este mes de agosto.

“A entrada será gratuíta para todas as persoas, non queremos que ningún veciño deixe de ter a oportunidade de refrescarse este verán, un verán no que estamos soportando vagas de calor con temperaturas especialmente altas”, sostén. “Ante a discriminación da Xunta á cidadanía de Lugo, ao privarnos da zona de baño pública cando llo permite a numerosos municipios da contorna, desde o Concello habilitamos alternativas porque o único que nos move é o benestar dos e das lucences”, incidiu.

A rexedora avanzou, ademais, que presentarán alegacións ante a segunda negativa da Xunta, que non se sustenta en ningún informe técnico. “É unha decisión que a cidadanía non entende, xa que nun primeiro momento o goberno autonómico avalou a instalación, e por iso temos a autorización da Confederación Hidrográfica durante 25 anos, e agora queren privar aos lucenses desta dotación, que é, ademais, unha ampla demanda social, amparándose en argumentos que non se sosteñen tecnicamente”, expuxo a rexedora.

A máxima mandataria lucense lembra que o Concello presentou dúas alternativas á Xunta de Galicia, que a Confederación avalaba, como é o traslado da comunidade de mexillóns ou o traslado uns metros da plataforma de baño a unha zona onde os estudos técnicos independentes realizados polo Goberno local indican que existe caudal suficiente e un número baixo de mexillóns. O Goberno galego, sen presentar ningún estudo onde se reflectise o contrario, negou tamén esta segunda zona.

O horario de apertura das piscinas é de luns a venres, de 12.00 a 20.30 horas e, de 12.00 a 20.00 horas, os sábados e os domingos, en horario continuo. A instalación dispón dun mínimo de dous socorristas durante todo o seu hoarrio de apertura, tres nas horas de máxima afluencia, para maior seguridade de todos os e as bañistas. Así mesmo, as instalacións están compostas por tres vasos de diferentes medidas e profundidades adaptados as diferentes idades.

0.22197103500366