As piscinas exteriores de Lugo abrirán este sábado 1 de xullo

LugoXa
As piscinas municipais exteriores de Frigsa abrirán as súas portas para a tempada estival este sábado, 1 de xullo
piscinas frigsa lugo
29 Jun 2023

As piscinas municipais exteriores de Frigsa abrirán as súas portas este próximo sábado, 1 de xullo. As instalacións permanecerán operativas os principais meses do verán, até o 31 de agosto, en horario continuo de 12:00 a 20:30 horas de luns a venres, mentres que a fin de semana pecharán media hora antes (de 12:00 a 20:00 horas).

O equipamento disporá de servizo de socorrismo en todo momento cun mínimo de dous profesionais que atenderán o recinto e que, en momentos de máxima afluencia, se reforzarán en número para garantir a seguridade das persoas usuarias.

O responsable de área avanzou, así mesmo, que “se manteñen as tarifas de tempadas anteriores, para non gravar máis as economías domésticas e favorecer o acceso ás dotacións tendo en conta que se trata dun recurso moi estimado e frecuentado pola veciñanza nos meses estivais para sobre levar as altas temperaturas da época, tamén dende unha perspectiva lúdica e saudable”.

Os prezos serán de 1 euro para a mocidade ate os 15 anos (10’80 € o abono de 15 baños); de 2’20 euros para adultos, maiores de 16 anos, (22’30 € o custo do abono); de 11’10 euros o abono para pensionistas e, para familias a partir de tres membros de 29’90 euros (o abono de 15 baños) e 59’10 € (o abono de 30 baños).

As piscinas exteriores de Frigsa están compostas por tres vasos de diferentes medidas e profundidades adaptados a todos os públicos: Plato sen profundidade para menores de 3 anos e con capacidade para 13 crianzas.; piscina mediana cunha profundidade máxima de 1’30 metros, para a rapazada entre 4 e 12 anos de idade, con capacidade para 35 persoas, e piscina profunda de 8 rúas e 25 metros de longo cunha profundidade mínima de 1’ 20 e máxima 2’50 metros, na que é obrigatorio saber nadar para facer uso da mesma e cunha capacidade de 100 persoas.

O Concello mantén aberto o resto de piscinas municipais ao longo de todo o ano, incluído en verán. De xeito que neste próximo mes de xullo continuará funcionando a de Frigsa mentres que, en agosto, a cidadanía poderá empregar a de As Pedreiras.

Horarios piscinas de Frigsa e As Pedreiras

Estará aberto de luns a venres de 07:00 a 22:30 horas, os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas e os domingo de 10:00 a 14:00.

No mes de agosto, a piscina das Pedreiras estará aberta de luns a venres de 08:00 a 22:30 horas. Os sábados terá horario de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.

Continúa aberto atá mañá, 30 de xuño, o prazo de matriculación para os cursos intensivos de natación para crianzas que se desenvolverán en setembro en ambas as dúas piscinas climatizadas. Poderán anotarse nenos e nenas nacidas entre o 2013 e o 2017 incluídos, nas oficinas de Deportes situadas na piscina municipal de Frigsa.

Caldas

O vindeiro luns, 3 de xullo, as Caldas permanecerán pechadas por labores de mantemento e desinfección preventivas, a maiores das que se fan ordinariamente de xeito diario.

Xa o domingo, 2 de xullo e o propio día 3, a APP non permitirá facer reservas nas franxas horarias das 10:00, 11:30 e 14:00 horas. Mais a partir das 16.00 horas a instalación quedará aberta e as reservas na APP poderanse facer con normalidade.

Os traballos que levarán a cabo serán de desinfección preventiva en profundidade e se repetirán o primeiro luns de cada mes co obxectivo de extremar os controis para garantir a salubridade e seguridade nas instalacións.

piscinas exteriores frigsa

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17923283576965