“As que contan” inaugúrase no Museo Provincial de Lugo cunha homenaxe á muller rural

A Rede Museística Provincial de Lugo abrirá este venres, 7 de novembro, ás 19:00 horas, no refectorio do Museo Provincial, a exposición As que contan. A tradición na muller rural galega. Natureza, coidado e cultura, unha iniciativa que sitúa no centro ás mulleres maiores do rural, ás súas voces, saberes e historias que seguen mantendo vivo o pulso de Galicia. Trátase dun proxecto pedagóxico interdisciplinar e intercentros que destaca pola súa aposta pola memoria, a igualdade e a creación contemporánea.
A mostra naceu ao abeiro do Plan de Igualdade da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e xurdiu da vontade dun grupo de docentes por converter a educación nun motor de transformación social máis aló das obrigas administrativas. A partir do encontro coas creadoras Idoia Cuesta, a ceramista Pepa de Bonxe e a gandeira Marta Álvarez, o alumnado deu forma a contos ilustrados, pezas cerámicas, xogos e traballos audiovisuais que enlazan oficio, tradición e innovación, reinterpretando a memoria feminina do rural galego desde unha mirada ecofeminista e coeducativa.
O acto inaugural estará encabezado por Iria Castro, deputada responsable de Cultura da Deputación de Lugo, e contará coa participación dos centros implicados —a Escola de Arte Ramón Falcón, o Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, a Escola Oficial de Idiomas e a propia Rede Museística— ademais doutras persoas e entidades colaboradoras.
A iniciativa, xa presentada noutros espazos da contorna educativa e cultural, reivindica ás mulleres anónimas que traballaron a terra e preservaron o saber popular. Como subliñaron as promotoras do proxecto, non se trata só de falar delas, senón de crear un marco no que elas mesmas poidan contar e compartir a súa historia. Pola súa banda, Encarna Lago, xerente da Rede Museística, destacou que a colaboración entre cultura, educación e comunidade “permite que os museos cumpran verdadeiramente a súa función social”.