As residencias artísticas O Re(en)contro preparan unha exposición colectiva sobre creación, patrimonio e memoria

LugoXa | RibeiraSacraXa
Os participantes están a traballar no Pazo de Tor nunha serie de propostas que poderán verse a partir deste venres no Pazo de Tor
residencisa-o-reencontro-monforte
Residencias artísticas O Re(en)contro
7 Aug 2025

O Pazo de Tor acolle estes días unha nova edición das residencias artísticas O Re(en)contro, un proxecto impulsado pola Rede Museística Provincial que convida a creadoras e creadores a desenvolver propostas inspiradas nas coleccións, a historia e a arquitectura dos museos lucenses. A iniciativa culminará cunha exposición colectiva que se inaugurará este venres, 8 de agosto, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.

A mostra reunirá os traballos realizados por Mónica Trastoy, Ana Arregui, Luciana Rago e Miguel Benjumea durante a súa estadía no Pazo de Tor, así como pezas doutras artistas que pasaron polas residencias impulsadas pola Rede Museística nas últimas dúas décadas. O obxectivo da exposición é visibilizar os procesos de creación contemporánea vinculados ao patrimonio cultural, ao tempo que se pon en valor o compromiso institucional cos dereitos culturais e a accesibilidade.

O proxecto complétase coa edición dun catálogo que documentará a traxectoria de Estudio Aberto, recollendo tanto os resultados artísticos como as reflexións xeradas no diálogo entre o pasado que custodian os museos e as prácticas actuais.

As artistas residentes están a traballar desde o pasado venres no Pazo de Tor, nun contexto que favorece a investigación e a creación site-specific. Mónica Trastoy, natural de Vilalba e residente en Barcelona, conta cunha ampla traxectoria expositiva. Ana Arregui, de Sevilla, afonda nas cuestións de identidade e xénero a través do retrato contemporáneo. Miguel Benjumea, de San Fernando (Cádiz), investiga as narrativas cartográficas e territoriais. Pola súa parte, Luciana Rago, de orixe arxentina e afincada en Madrid, ten desenvolvido unha destacada carreira internacional.

A deputada de Cultura, Iria Castro, visitou este mércores as residencias no Pazo de Tor para coñecer de primeira man o traballo dos artistas. Destacou o valor da Rede Museística como espazo de produción cultural activa, subliñando que “é un orgullo contar cun proxecto que aposta pola creación contemporánea sen esquecer as raíces e o patrimonio común”.

⚙ Configurar cookies
0.1982479095459