As rúas de Lugo reclaman a fin dos recortes en correos
Tanto os delegados/as de CCOO e UXT Correos, como o persoal da provincia de Lugo de correos concentráronse nunha rodada postal que comezou na Praza Conde de Fontao e que continuou pola rúa Castelao con incorporación á Rolda da Muralla que culminou nunha concentración diante da Subdelegación do Goberno, asolagando as rúas de vehículos.
Continúase desta forma co proceso de mobilizacións en todo o Estado que xa se iniciou coas concentracións de delegados/as durante o mes de abril, para esixir á Dirección de Correos, co seu presidente Juan Manuel Serrano á cabeza, que cesen as políticas de desguace do operador público. Así mesmo, búscase reivindicar un Modelo Postal Público sostible, eficaz, moderno e eficiente.
"O presidente de correos, pola súa nefasta xestión e o errático liderado, está a levar á empresa a unha previsión de perdas económicas de ata 634 millóns de euros en 2023, segundo o informe entregado ás OOSS o pasado 21 de xaneiro, mentres o resto de operadores europeos demostraron un crecemento económico debido á situación da pandemia e o auxe do comercio dixital", sinalaron dende os sindicatos da propia empresa. Ademais engadiron que está a recortar emprego e empeorar a súa calidade (3.000 efectivos menos anuais, 36% de temporalidade, e 25% de emprego a tempo parcial en xeral, e un 75% na rede de oficinas, así como un 50% nos centros de clasificación e tratamento postal).
"No caso de Lugo está a implantarse progresivamente a xornada parcial de 4 h en postos estruturais de atención ao cliente, e xa se fixeron contratos eventuais de 5 h para cubrir postos de repartición en lugar da xornada completa; e está a reducir a rede postal pública mediante o peche de centros de traballo, oficinas e suprimindo postos de repartición rural (o último en Lugo foi no Corgo, que se suma aos anteriores en A Pobra de Brollón, Vilalba, entre outros), minorando así a capacidade vertebradora e cohesionadora de Correos ao longo de todo o territorio" defenderon dende os sindicatos.
CCOO e UXT esixiron ao Goberno, no seu requirimento de participación da empresa pública nos fondos europeos, que se siga a senda do resto de países da contorna europea que apoiaron sen ambaxes aos seus Operadores Postais, incorporando a Correos á axenda política do Goberno, determinando o seu carácter de servizo esencial para a cidadanía, tal e como se demostrou en plena pandemia. Igualmente esixiron que se considere o seu carácter estratéxico para un proxecto de transformación e modernización do país.
A primeira fase de mobilizacións que comezou no mes de abril coas concentracións de delegados/as, continúa con rodadas postais provinciais e durará ata finais de xuño, incluíndo concentracións provinciais e autonómicas, sen descartar paros parciais e convocatorias de folgas xerais. O obxectivo é dar a coñecer ás diferentes institucións, Concellos, Gobernos rexionais, etc., así como á opinión pública, cal é a situación de Correos, cara a onde queren dirixir ao operador público e o modelo de Servizo Público Postal que defenden CCOO e UXT.