As rúas de Lugo serán de novo un dos escenarios da Distinguished Gentleman’s Ride

As rúas de Lugo serán de novo un dos escenarios da Distinguished Gentleman’s Ride (DGR), a ruta solidaria en moto que se celebrará o vindeiro 18 de maio en máis de 1.000 cidades de todo o mundo.
Os participantes na DGR deben pilotar motocicletas de estilo clásico e vintage e levar vestimenta de gala e Lugo é a única cidade galega entre a trintena que secundan a convocatoria en España.
O obxectivo do evento é concienciar sobre a saúde masculina e recadar fondos para a organización benéfica Movember, que financia iniciativas contra o cancro de próstata e testicular e os problemas de saúde mental nos homes.
Os organizadores prevén reunir unhas 150 motos, como nas edicións anteriores, que farán un percorrido en horario de tarde polas rúas da cidade e rematarán cunha concentración na praza Maior.
O pasado ano uníronse ao evento máis de 115.000 moteiros e moteiras en todo o mundo, conseguindo recadar arredor de 7 millóns de euros.