As traballadoras da limpeza dobran esforzos na súa protesta

LugoXa
As traballadoras da limpeza, en folga dende o pasado 16 de outubro, instalaron hoxe unha caravana reivindicativa na explanada da Xunta en Lugo para demandar un convenio digno.
folga limpeza lugo1
21 Nov 2023

As traballadoras da limpeza, en folga dende o pasado 16 de outubro, instalaron hoxe unha caravana reivindicativa na explanada da Xunta en Lugo para demandar un convenio digno.

Critican a pasividade das administracións -principais contratistas dos servizos de limpeza- ante unha patronal estatal que ten "secuestrada a negociación colectiva e que pretende impor un convenio cunhas táboas salariais que ficarían por debaixo do SMI".

SEN ACORDO

Sen acordo na reunión celebrada este luns entre patronal e sindicatos que estes dixeron "que só serviu para constatar a absoluta falta de vontade negociadora de ASPEL e o seu desinterese por chegar a un acordo de convenio que permita rematar co conflito". Trinta e seis días despois de iniciarse a folga e logo de que a asemblea de persoal rexeitara por insuficiente a última oferta, a patronal "presentouse na xuntanza sen unha nova proposta e agardando que fora a parte social quen lles trasladara outra plataforma".

"Esta actitude manifesta o desprezo da patronal cara ás traballadoras e evidencia que a pretensión de ASPEL é desactivar o conflito dilatando no tempo as negociacións. Unha manobra que as traballadoras xa advertiron que non vai funcionar porque as súas reivindicacións son xustas e totalmente asumíbeis para unhas empresas que gañan beneficios millonarios".

Así mesmo, a CIG celebrará o mércores 22 en Lugo, o Encontro nacional de mulleres no marco da campaña polo Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A central acordou trasladar este acto de debate e formación a Lugo "en solidariedade coas compañeiras da limpeza e a loita que están a desenvolver pola mellora das súas condicións de traballo". Ao remate do encontro, ás 12 horas, as delegadas da CIG e as traballadoras en folga sairán en manifestación dende o edificio da Deputación até a sede da CEL.

folga limpeza lugo 2
0.19968199729919