As traballadoras da limpeza foron desaloxadas pola Policía do edificio da Xunta

LugoXa
Un grupo de traballadoras da limpeza e representantes da CIG pecháronse este venres no edificio da Xunta de Lugo para reclamar a intervención decidida da administración galega no conflito e parar os abusos patronais.
16 Dec 2023

Un grupo de traballadoras da limpeza e representantes da CIG pecháronse este venres no edificio da Xunta de Lugo para reclamar a intervención decidida da administración galega no conflito e parar os abusos patronais. A acción reivindicativa comezou por volta das 12:45h e non foi até pasadas as 18h que o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, se achegou a onde as traballadoras para interesarse polas súas demandas.

Dese breve encontro, as traballadoras, que levan 61 días en folga indefinida fronte a unha patronal "que ten secuestrada a negociación colectiva, que marca ao seu antollo os tempos das reunións e que quere impor un convenio con táboas por debaixo do salario mínimo", arrincaron o compromiso dunha reunión para o vindeiro luns 18, ás 13:15h, co propio Arias e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha.

Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos, criticou o "desinterese" do representante do Goberno galego en Lugo que pareceu descoñecer por completo os motivos do conflito e as demandas das traballadoras, pois "o primeiro que nos dixo foi que estabamos politizando o conflito. Pero politizando o que?, se polo que estamos en loita é por un convenio digno por culpa dunha patronal que quere seguir mantendo o sector na miseria e na precariedade absoluta".

Despois desta lamentábel apreciación, o delegado tentou botar balóns fóra aducindo que as traballadoras do servizo de limpeza da Xunta teñen convenio propio, esquecendo a situación na que se atopan as compañeiras que prestan servizo nos 40 centros que teñen o servizo externalizado e que, polo tanto, están reguladas polo convenio provincial.

"O que lle pedimos é que a Xunta asuma a súa responsabilidade, xa que é a principal contratista destes servizos e non hai que esquecer que as administracións tamén se aproveitan da precariedade dos convenios para sacar contratos a baixo custe e aplicar políticas economicistas a conta do lombo das traballadoras", denunciou Castiñeira. A sindicalista reiterou que as administracións teñen que actuar de oficio para garantir que nun sector tan feminizado, con elevadísimas taxas de parcialidade e precariedade, cando menos o SMI sexa unha realidade e non se camufle cumprir coa lei polo medio de absorber outros conceptos salariais.

Por volta das sete da tarde, as traballadoras foron desaloxadas do edificio pola policía, póndose remate deste xeito a súa acción reivindicativa.

Máis de 6.000 sinaturas solidarias

Ademais da protesta, este venres tamén se entregaron no rexistro da Xunta as 6000 sinaturas que as traballadoras recolleron entre a cidadanía de Lugo en apoio a súa loita e en solidariedade coas súas xustas reivindicacións por un convenio digno. A recollida realizouse na caravana que as traballadoras teñen instalada na explanada do edificio Multiusos dende hai preto dun mes.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18002104759216