As traballadoras da limpeza volveron pecharse no edificio da Xunta

LugoXa
Traballadoras da limpeza en folga e representantes da CIG pecháronse este xoves no edificio administrativo da Xunta de Galiza en Lugo para reclamar a intervención activa da administración no conflito.
limpeza peche traballadoras xunta
26 Jan 2024

Traballadoras da limpeza en folga e representantes da CIG pecháronse este xoves no edificio administrativo da Xunta de Galiza en Lugo para reclamar a intervención activa da administración no conflito. A acción reivindicativa iniciouse sobre ás 11 horas e, por volta das 15h, as traballadoras acordaron abandonar voluntariamente a protesta tras constatar que non había no edificio ningún representante da Xunta con capacidade de interlocución (o delegado territorial cesou), nin interese por parte da administración autonómica en atendelas.

Con esta acción reivindicativa buscaban pór de manifesto a responsabilidade da Xunta neste conflito, "tanto pola súa condición de administración pública como por ser principal contratista destes servizos coas grandes empresas do sector que, agrupadas na patronal estatal Aspel, teñen secuestrada a negociación colectiva e impiden que haxa un convenio digno".

"As traballadora xa levan 102 días en folga e a Xunta non pode seguir mirando para outro lado", aseverou Asunción Castiñeira, representante da CIG. Criticou que as administracións consintan que as grandes empresas e grupos empresariais (como FCC, Eule, Acciona, Clece ou Sacyr) se fagan con millonarios contratos públicos mentres explotan as traballadoras e as manteñen nunhas condicións salariais de miseria.

A patronal trasladou, por primeira vez, unha proposta por escrito

Sobre a proposta trasladada no día de onte pola patronal (a primeira que entrega por escrito), Castiñeira explicou que segue a ser insuficiente por canto non contempla ningunha cláusula de revisión salarial que garanta o mantemento da capacidade adquisitiva. Valorou o pequeno avance que supón que a patronal retire da mesa unha das liñas vermellas da parte social, como é establecer o valor fixo dos trienios, e que asuma que os incrementos salariais vaian todos a táboas e non ao denominado plus convenio.

"Neste sentido, indicou Castiñeira, a proposta da patronal suporía un avance, que xa se tiña que ter dado ao inicio das negociacións, e non agardar a que pasaran 102 de folga. Parece que a negociación está comezando agora". Criticou ademais que as subas salariais ofertadas continúen sen responder ás demandas do persoal.

Para hoxe está convocada asemblea de traballadoras e traballadoras para informar e valorar a proposta patronal e o vindeiro día 30 terá lugar unha nova reunión da mediación.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14979290962219