As trampas do roteiro das Insuas de Rábade
Un dos roteiros máis habituais pola súa beleza e por tratarse dun percorrido sinxelo apto para nenos, é o das Insuas do Miño. Está considerado un dos mellores para iniciar aos máis pequenos na práctica do sendeirismo.
Tras máis dunha década en activo é frecuente ver no mesmo grupos de rapaces e foi un lugar de visita para os tempos da pandemia, cando o sendeirismo era unha das poucas actividades recomendadas fóra da casa. Aínda así o seu estado actual non está exento de polémica por falta de coidados nalgúns puntos ou mesmo por embrollos na sinalización.
A senda foi desbrozada para o seu uso antes do verán pero a súa conservación deixa de ser todo o boa que podería ser un lugar tan frecuentado e nunha contorna espectacular.
AS INSUAS
As Insuas do Miño son pequenas illas orixinadas pola sedimentación de materiais dos meandros do Miño ao seu paso polos municipios de Rábade e Outeiro de Rei. Debido á pouca pendente do terreo, o Miño alárgase e permite a formación, no seu leito, de pequenas illas como a Insua de San Roque, a Insua de Cela e a de Trabanca, que chegan a alcanzar os cinco quilómetros de lonxitude e máis de 200 m. de ancho, variando o seu tamaño segundo a estación polo caudal do río.
O río Miño actúa como fronteira natural entre os municipios de Rábade e Outeiro de Rei polo que o roteiro, que percorre as dúas beiras, pasa por ambos os dous concellos. O punto de orixe e de final é a área recreativa de Rábade, ás beiras do Miño, para seguir augas arriba, pasando por baixo da ponte do ferrocarril e do viaduto da Autovía A6.
É nesta primeira parte da senda, cando comezan a xurdir no leito do río os primeiros illotes, baixo a sombra de freixos, salgueiros e bidueiros mesturándose con carballos e acivros, o carreiro cruza por prados de cultivo no que poderemos ver vacas, ovellas e cabalos.
O percorrido pasa á Insua de Abaixo, cuxo interior se percorre grazas ás pontes de madeira que permiten conectar as illas coas beiras.
QUE VER
Esta contorna natural, de gran beleza en estado puro, permite ver ao longo do río nenúfares, fentos ou carrizales. Entre a fauna destaca o mexillón de río, especie en perigo de extinción mepódese atopar tamén o merlo acuático, a londra e a ra verde.
O roteiro finalmente sae á altura do muíño de Felpas á estrada local LU-1107, por ondese camiño uns seis minutos ata o punto de inicio.
O punto de inicio do roteiro permite ao usuario ver e cruzar a ponte medieval que separa os concellos de Rábade e Outeiro de Rei.
De orixe romana, conserva a traza medieval orixinaria dos séculos XIII e XIV. Foi edificado en cachotería e sillería granítica que posteriormente sería reconstruído en tempos de Isabel II. Conta a historia que os usuarios da ponte tiñan que pagar o seu dereito de portádego, ao antigo edificio do concello de Rábade.
Xunto á ponte no inicio do roteiro atópase o Centro de Interpretación Casa das Insuas", edificio do antigo concello e que desenvolve unha importante labor mediambiental e educativa.
O QUE ERA MELLOR NON VER
Unha das grandes polémicas que rodean esta senda é o movemento das lindes que separan o trazado cos terreos particulares dunha graxa limítrofe. As queixas de usuarios e veciños falan de que os límites foron movidos para facer máis grande o terreo particular. De feito, un surco no chan aínda é visible o que alenta esta conclusión, pero tras moitos anos, aínda ninguén quixo investigar este punto.
Pero non é o único problema que ten esta zona. Varias das pontes que comunican o trazado coas insuas están bloqueadas con troncos a modo de peche pero neles non se ofrece ningunha información sobre si o peche en cuestión é por ser terreo particular ou mesmo por outro motivo. Como o trazado moitas veces tampouco ofrece unha sinal clara moitos usuarios acaban pasando por riba destas barreiras ou mesmo tirándoas xa que estes tapóns son colocados polos gandeiros da zona que deixan o gando en liberdade nas illas e poñen as barreiras para que este non escape pero cortando o roteiro o paso.
Tamén poden atoparse no roteiro algún que outro obstáculo como un par de troncos que co tempo que levan tumbados no medio do camiño xa son parte do trazado. Noutras ocasións son os propios animais de granxa os que se atopan no medio do camiño, unha situación que non ofrece moita seguridade aos camiñantes.
En moitos lugares do trazado, hai barreiras feitas con cordóns que moitas veces son pouco visibles e despistan novamente ao usuario non habitual da zona porque descoñece se pode cruzalos ou non. Novamente estas limitacións de tránsito non son regulamentarias pero non hai vixilancia sobre isto.
Faltan servidumbres de paso e un só e xa deslucido cartel avisa do perigo de descargas no pastor eléctrico nun longuísimo trazado. Así mesmo, pódense atopar desperfectos varios, nas distintas pontes que foron amañadas de mala maneira.
E para rematar o camiño, colocaron unha mesa para descanso dos sendeiristas, aínda que foron a escoller o sitio con peor vista e máis sombrío, a parte de abaixo da ponte da autovía. Desde modo deslúcense todas as vistas das que goza o trazado.