As tropas de Caio Antistio asedian Lugo

LugoXa
Comeza o Arde Lucus máis agardado da historia, que contará cun espectáculo de realidade aumentada na Mosqueira único en España
Foto de arquivo do Arde Lvcvs
10 Jun 2022

Cun rítmico ruído de tambores e acompasados no seu paso. Así entraron na tarde de onte as tropas romanas na cidade de Lugo. Baixo o mando do xeneral Caio Antistio, coñecido como O Vello, centos de lexionarios romanos de diferentes cohors e corpos militares tomaron o barrio da Ponte para asediar a cidade ás 20.30 horas e recibir a bendición dos deuses.

Ano 25 a.C., tras loitar nas guerras cántabras, milicias a pé e a cabalo atravesaron a vella ponte de pedra para establecerse sobre o castro que existía no emprazamento. En nome de Paulo Fabio Máximo, Caio Antistio funda Lucus Augusti.

Unha entrada, que, malia a resistencia dos clans que habitaban a cidade, foi acordada cos líderes das principais tribos castrexas. Que lles deixaron pasar coa esperanza de aproveitarse dos coñecementos e habilidades dos visitantes romanos. Os foráneos, pola súa banda, continúan coa súa expansión e tras asediar este castro e fundar Lucus Augusti, seguirán avanzando cara o que será Brácara Augusta.

ACTOS OFICIAIS

Xunto ao Senatus Lucus Augusti, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, José Tomé, participaron hoxe na recreación histórica da entrada das lexións romanas. Unha cita que marca o inicio do Arde Lucus.

“É moi positivo poder recuperar esta festa que, tras dous anos condicionada pola crise sanitaria, conta coas mellores previsións de participación. É unha boa noticia polo que supón para a cidade e para toda a provincia en termos económicos e para sectores especialmente castigados pola pandemia como a hostalería, o comercio e o turismo. Tamén porque, polo seu espírito, pon en valor a nosa historia e a nosa cultura”, sinalou Tomé Roca.

Subliñou o Presidente que o apoio da institución provincial á festa responde “ao noso firme compromiso coa difusión e a posta en valor da nosa cultura, a historia e o patrimonio, tanto material como inmaterial, e aproveitar toda esa riqueza para impulsar a economía”. Engadiu José Tomé que o Arde Lucus “é un auténtico revulsivo económico para a cidade, e promociona Lugo e toda a provincia a nivel nacional e internacional”.

A alcaldesa de Lugo, pola súa banda, convidou a toda a cidadanía “a saír á rúa caracterizados para vivir a experiencia de recreación do noso pasado dunha maneira espectacular, dende a convivencia e o respecto, pero disfrutando ao máximo do Arde Lucus, nun ano moi importante porque estamos a traballar para acadar o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional”.

“Sen dúbida, o plus diferencial desta cita respecto a outras é a implicación social, polo tanto, invito a todo o mundo, a veciños e visitantes, a que se caractericen, e que nos axuden a conseguir este distintivo porque será un éxito de todos, empezando polas 19 asociacións, que fan un traballo imprescindible e extraordinario, e que son as grandes artífices de que teñamos durante 21 anos esta festa no top de citas culturais do país”, subliñou.

0.14229488372803