As usuarias da residencia das Gándaras volven reclamar diálogo ante as obras

Decenas de persoas volveron concentrarse diante da residencia de maiores das Gándaras para esixir unha maior comunicación coa Xunta de Galicia en relación coas obras de remodelación previstas no edificio. A mobilización produciuse nun contexto de crecente preocupación entre as usuarias e usuarios do centro polas modificacións que se pretenden executar.
A concelleira do BNG no Concello de Lugo, Cristina López, asegurou que a iniciativa da formación no Parlamento galego permitiu sacar adiante unha proposición na que se insta á Xunta a abrir un espazo de diálogo coas persoas residentes das Gándaras, co obxectivo de coñecer as súas opinións e preferencias sobre o proxecto. Segundo explicou, trátase de garantir que as actuacións se leven a cabo contando coa voz das persoas afectadas.
As obras previstas pola Xunta supoñerán cambios que, segundo trasladan as propias usuarias, poden afectar ao seu dereito á intimidade e á privacidade, especialmente no caso das persoas que comparten habitación, que constitúen a maioría. O centro das Gándaras comezou a funcionar en 1981, conta con 45 anos de historia e dispón de 218 prazas, das cales 160 corresponden a cuartos dobres.
O proxecto non contempla a creación de máis habitacións individuais, senón que aposta por unha reorganización dos espazos existentes. Esta redistribución implicaría unha redución do espazo actual nas habitacións compartidas, deixando as camas separadas unicamente por unha mesiña de noite, unha medida que xerou malestar entre as residentes.