As veciñas e veciños desfrutarán dunha nova praza no Sagrado Corazón de Lugo
O Tenente Acalde, Rubén Arroxo, e o edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron a obra de humanización da praza do Sagrado Corazón. “Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas poñemos en marcha esta obra de humanización para dar continuidade ao traballo realizado tras a instalación do novo ascensor” detallou o Tenente Alcalde que se reuniu con responsables da obra durante a súa visita.
Esta obra está a ser executada pola área de Mobilidade e Infraestruturas urbanas para garantir as boas condicións dos servizos públicos e mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza da contorna. O edil Alexandre Penas explicou os detalles, “mellorarase o firme da praza e a súa iluminación, o que converterá este lugar nun espazo máis aberto e amábel coas persoas” subliñou o concelleiro “e comunicará a praza co ascensor recentemente inaugurado”
O proceso conta cun orzamento municipal de 86.020 €, nun prazo de execución de 3 meses. Para a área de Infraestruturas Urbanas, os barrios teñen que ter as atencións necesarias. Alexandre Penas indicou que “podemos facer moitas actuacións sen grandes gastos que melloren a calidade de vida das persoas”. Coa renovación do alumeado público avanzarase na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores ás luminarias instaladas actualmente, e terán unha tonalidade máis agradable que a actual.