As xornadas Cultura e Tradición no Camiño achegan oficios artesanais e música tradicional en Lugo

LugoXa
O programa, organizado polo grupo Traxandaina e apoiado pola Xunta, celebra talleres, actuacións e unha andaina vinculada ao Camiño de Santiago
Obradoiros-Traxandaina
10 Oct 2025

As xornadas Cultura e Tradición no Camiño, que se celebran estes días na Oficina de Turismo da Xunta en Lugo, situada na rúa Miño, están a ter unha excelente acollida. A iniciativa está impulsada polo grupo etnográfico Traxandaina e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou varios talleres participativos, entre eles un de orfebrería impartido por Susi Gesto e outro de zoqueiría guiado por Alberto Geada. Para este venres e sábado están previstos obradoiros de feltro, alfarería, cerámica e torneadura a pé, patrocinados pola Xunta a través de Artesanía de Galicia. Ademais, ambos os días haberá actuacións de cantos de cego ás 19:30 horas.

A xornada de peche, o sábado, estará dedicada ao Camiño de Santiago, coa presenza de varias asociacións da ruta xacobea. Para ese día está prevista unha andaina que partirá ás 12:00 horas da praza do Camiño Primitivo ata a Oficina de Turismo, acompañada de música tradicional. Xa pola tarde, ás 18:15 horas, o público poderá gozar do concerto didáctico Fiando Cantigas.

O delegado territorial, Javier Arias, destacou a boa acollida desta proposta cultural, que “ofrece unha nova opción durante as festas de San Froilán e permite ao público achegarse aos oficios artesanais da man dos propios creadores”.

⚙ Configurar cookies
0.07194995880127