As Xornadas de Desenvolvemento Rural terán lugar en Negueira de Muñiz do 22 ao 24 de abril

Las Jornadas de Desarrollo Rural tendrán lugar en Negueira de Muñiz del 22 al 24 de abril en el ecomuseo del municipio.
Mónica Freire e Alberto Uría na presentación
9 Apr 2022

A segunda edición das Xornadas de Desenvolvemento Rural, organizadas pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo, celebrarase do 22 ao 24 de abril no ecomuseo El País del Abeyeiro en Negueira de Muñiz. “Ciencia na aldea” é o título xenérico do encontro, que conta coa colaboración da Asociación Corripa e que apela ao coñecemento científico como ferramenta para coñecer e valorar as contornas naturais e rurais.

A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, presentou esta mañá o programa das xornadas, acompañada por Alberto Uría, vicepresidente da Asociación Corripa e impulsor do ecomuseo, ubicado en Pena da Nogueira.

A responsábel provincial explicou que “con esta nova edición damos continuidade a unha iniciativa que puxemos en marcha o pasado ano, en Vilela, en Navia de Suarna, e que continuamos este ano cos mesmos obxectivos: promover a formación e a divulgación arredor do rural e apoiar iniciativas de desenvolvemento como El Pais del Abeyeiro, que converteu a apicultura tradicional nun motor de dinamización económica e cultural” e subliñou a importancia “de falar do rural desde o rural, poñendo no centro ás persoas que desenvolven os seus proxectos profesionais e vitais no medio rural”

Alberto Uría sinalou, pola súa banda, a oportunidade que “estas xornadas supoñen para a difusión do traballo que vimos desenvolvendo desde Corripa para trasladar á sociedade a importancia de manter as paisaxes tradicionais como garantía de futuro para o medio rural, e especialmente o noso último proxecto, un xardín para polinizadores no que recreamos diferentes ecosistemas da montaña luguesa co obxectivo de que sirva de espazo de investigación científica”.

As persoas asistentes poderán coñecer de primeira man as iniciativas de educación ambiental e conservación do territorio que están a desenvolver entidades de referencia no ámbito estatal como a Fundación Biodiversidad e a Fundación Oxígeno ou os proxectos da Asociación Galega de Custodia do Territorio, con diferentes liñas centradas na protección de especies e paisaxes ameazados.

O programa inclúe tamén relatorios de científicos e investigadores: botánicos como Bernabé Moya e entomólogos como Luis Óscar Aguado e Félix Torres, que afondarán na importancia da acción polinizadora dos insectos na conservación dos hábitats, e da neurobióloga Conchi Lillo, que ofrecerá unha interesante exposición sobre a evolucion do sistema visual nas distintas especies, desde os insectos ata o ser humano. As súas exposicións teóricas complementaranse con paseos guiados pola contorna as especies máis habituais na montaña luguesa.

Tamén se abordarán os retos que presenta a comunicación e divulgación cunha ponencia de Sandra Sutherland, xornalista especializada en información ambiental e medio rural que dirixiu o programa de TVE Agrosfera, que tamén participará nunha mesa redonda sobre esta temática con outras comunicadores e investigadores.

Ademais, están previstas dúas saídas nocturnas, unha delas, o venres 22, centrada na escoita dos sons da natureza durante a noite, e outra, o sábado 23, dedicada á observación astronómica.

O domingo será unha xornada de portas abertas no Xardín de Polinizadores Fernando Pueyo, que que rende homenaxe ao activista ambiental, divulgador e ilustrador Fernando Fueyo, que representou as distintas especies de insectos que habitan o xardín para a sinaléctica e unha publicación, a Guía do Xardín de Polinizadores Fernando Pueyo, que se presentará durante esa mañá.

As inscricións para participar poden realizarse na web www.asociacioncorripa.org ou no teléfono 900 26 43 26.

PROGRAMACIÓN

Venres 22 de Abril: Conservación de especies e custodia do Territorio

  • 17:00 Inauguración das Xornadas
  • 17:15 A Asociación Corripa. Vanessa Paredes (Ambientóloga. Presidenta da Asociación Corripa).
  • 17:45 Mesa redonda: A Custodia do Territorio. Conservación e cooperación activa.
  • 19:15 Pausa Café
  • 19:30 Mesa redonda: Exemplos próximos para un futuro máis diverso. Conservación de morcegos mediante acordos de custodia.
  • 21:30 Cea: Casa Sidrón - Pieiga (Negueira de Muñiz).
  • 23:00 Saída a campo con Óscar Rivas e Roberto Hermida.

Sábado 23 de Abril: Ciencia e Biodiversidade

  • 09:30: O ser humano na paisaxe.
  • 10:15 Paseo guiado polo bosque de Penadanogueira.
  • 11:45 Pausa Café
  • 12:00 Comunicar biodiversidade.
  • 12:45 Insectos polinizadores, biodiversidade e conservación das nosas paisaxes tradicionais.
  • 13:30 Paseo Entomolóxico con Luis Óscar Aguado
  • 14:30 Xantar: Penadanogueira (Negueira de Muñiz)
  • 15:30 E ti, ¿Cómo o ves?
  • 16:15 A nidificación nos polinizadores.
  • 17:00 Os insectos do Xardín: Paseo Entomolóxico con Félix Torres
  • 18:00 Pausa Café
  • 18:15 Mesa redonda: Divulgación e comunicación.
  • 20:00 Allande Stars: Historia e patrimonio baixo as estrelas.
  • 21:30 Cea: Casa Sidrón - Pieiga (Negueira de Muñiz)
  • 23:00 Saída astronómica con Lucía González Cuesta
  • 00:00 Queimada popular

Domingo 24 de Abril: Un xardín de ciencia (Xornada de portas abertas)

  • 10:00 Café de benvida
  • 10:30 Presentación da Guía do Xardín de Polinizadores.
  • 11:30 Inauguración do Xardín de Polinizadores.
  • 12:30 Concerto: - Xuacu Amieva - Mini Rivas
  • 14:30 Xantar: Penadanogueira (Negueira de Muñiz).

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18531394004822