As Xornadas de Esclerose Múltiple comezan mañá a súa segunda edición
A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) organiza este mes de setembro en Lugo as II Xornadas de Esclerose Múltiple, con tres días de actividades entre as que se inclúen unha carpa experimental, uns relatorios sanitarios e un festival solidario coa entidade.
As xornadas comezarán o mércores 21 de setembro coa carpa experimental que ALUCEM instalará na Praza da Deputación, de 17:00 a 20:00hrs. Nesta carpa as persoas que se acheguen poderán coñecer en profundidade a realizade da vida con Esclerose Múltiple e meterse na pel das persoas afectadas, con distintas actividades que a asociación preparou para replicar a enfermidade.
O xoves día 22, o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) acollerá os relatorios sanitarios organizados por ALUCEM, de 17:00 a 20:00hrs. Nelas participará Lourdes Bermello, enfermeira da unidade de Neuroloxía do HULA e presidenta do Colexio de Enfermería de Lugo, para abordar o autocuidado desde a sintomatoloxía da Esclerose Múltiple.
Pola súa banda, a dietista e nutricionista Natalia Xordo ofrecerá un relatorio sobre dieta, nutrición e hábitos alimenticios na Esclerose Múltiple. Ás xornadas asistirá tamén Rafel Monte, director asistencial da área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte.
As II Xornadas de Esclerose Múltiple que organiza ALUCEM finalizarán o venres día 23 co festival solidario Empatiza 2022 que terá lugar ás 18:00hrs. na Praza Mosqueira coa actuación de diversos grupos locais: Sudakas, Moondanal, Filophóbicas, Unha mesa para dúas, Conduto Coloquio, Lacón con grelos, Blues band e Skintight. O acceso ao festival será gratuito.
As xornadas de ALUCEM están enmarcadas dentro do proxecto Empatiza coa EM: Campaña de sensibilización sobre a Esclerose Múltiple’ concedido á Asociación Española de Esclerose Múltiple AEDEM-COCEMFE polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e que conta co patrocinio de Sanofi.