As xornadas sobre patrimonio arqueolóxico do Museo de Lugo centraranse nas villae na Gallaecia
As modificacións da paisaxe agraria na Gallaecia serán o tema que centrarán as VII Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebrarán os días 5 e 6 de abril Pazo de Marcos baixo o título As villae na Gallaecia. Establecementos agrícolas-señoriais de época romana.
A deputada de Cultura Iria Castro presentou o programa e as actividades que se levarán a cabo durante estas xornadas xunto á directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro, o doutor en prehistoria Eduardo Ramil – ambos coordinadores desta edición -, e Ofelia Carnero e Enrique Alcorta, do departamento de Arqueoloxía do Museo e membros do comité científico.
Tras a conquista romana, a paisaxe agraria da Gallaecia sufriu importantes modificacións coa instalación dun novo sistema de explotación do territorio, dentro do cal as villae constitúen o seu elemento máis xenuíno. Trátase de instalacións que adoitaban aglutinar edificacións dedicadas ao aproveitamento, transformacións e almacenaxe de diferentes productos, así como a área residencial.
Na provincia de Lugo, coñécense un bo número de establecementos que se identificaron como villae como as de O Campón (Burela), Area (Viveiro), Roupar (Xermade), Doncide (Pol), Coea (Castro de Rei), Agro de Parapar (Nadela), San Vicente de Castillón (Pantón), Vilar de Sarria (Sarria), A Grade (Chantada) ou Proendos (Sober).
As xornadas divulgarán investigacións, intervencións arqueolóxicas e proxectos de socialización que se levaron a cabo en Galiza, Asturias, León ou Valladolid en relación coas villae, contribuíndo a un maior coñecemento destes restos romanos e promovendo unha reflexión xeral sobre a necesidade e a xustificación das actuacións arqueolóxicas. A participación na xornada require inscrición previa a través do formulario dispoñible na web www.comunidadermpl.gal. O prazo está aberto ata o 4 de abril. A asistencia pode ser presencial -ofrecénse 130 prazas - ou en liña.