As Xornadas Técnicas de Seragro arrancaron en Lugo cunha análise do futuro da produción leiteira

LugoXa
A primeira sesión reuniu expertos que abordaron a recría, o benestar animal, a tecnoloxía e os retos produtivos do sector
xornadas-Seragro-Lugo-25
14 Nov 2025

O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu a primeira parte da 22ª edición das Xornadas Técnicas de Seragro, un encontro profesional centrado en aspectos estratéxicos da produción leiteira como a recría, o benestar animal e o impacto das innovacións tecnolóxicas nas explotacións.

O acto inaugural contou coa presenza do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, do presidente de Seragro, Víctor Manrique, e do decano en funcións da Facultade de Veterinaria, Luis Quintela.

A sesión iniciou coa intervención de José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, que abriu o programa coa conferencia titulada “O sector lácteo galego: situación actual e transformacións recentes”. Andrade destacou o papel de Galicia como principal produtora de leite do Estado e unha das dez rexións máis relevantes da Unión Europea. Subliñou ademais a consolidación dun modelo produtivo eficiente e competitivo, o bo equilibrio económico da cadea láctea e a importancia de manter estable o consumo interno.

Na parte técnica, Felipe Fraga, especialista do Servizo de Recría de Seragro SCG, expuxo os fundamentos básicos de orientación e ventilación nas naves destinadas á recría, insistindo en que o futuro dunha explotación gandeira se comeza a construír dende o deseño das instalacións. Defendeu que unha orientación e ventilación axeitadas repercuten de maneira directa no confort, na saúde e na rendibilidade do gando. Pola súa banda, a veterinaria e profesora da Universidade de Córdoba, Laura Molina, asesora en recría en Rusama Ganadería, explicou como as enfermidades nas primeiras etapas de vida deixan unha marca permanente na vaca adulta. Destacou que garantir a saúde e o benestar desde o nacemento é imprescindible para asegurar unha produción rendible.

A parte práctica chegou da man de dúas explotacións. Sandra Mella, da Finca Fonteboa (Frades, A Coruña), relatou a evolución da súa granxa, centrada na mellora da recría e na profesionalización dos protocolos de manexo. Avanzou que o seu seguinte obxectivo é ampliar as instalacións para incrementar a taxa de reposición. Ares Rubies, da Granja San José (Huesca), insistiu na recría como o piar fundamental do futuro das explotacións leiteiras, clave para manter a estabilidade produtiva e o relevo xeracional.

Desde Wisconsin (Estados Unidos), Jordan T. Matthews, socio de Rosy Lane Holsteins LLC, compartiu a filosofía de traballo da súa granxa, baseada en “grandes persoas, grandes vacas, grandes resultados”. Subliñou a importancia da formación continua do persoal, da selección xenética e da reinversión constante en tecnoloxía para garantir unha rendibilidade sostible. No eido reprodutivo, Sonia Rodríguez, do Servizo de Reprodución de Seragro SCG, analizou cal é o momento idóneo para realizar a inseminación, destacando que o equilibrio entre os intervalos de partos e a preparación fisiolóxica da vaca é determinante para obter bos índices reprodutivos.

As sesións técnicas completáronse coa participación de Liliana Fadul, de Lactanet, quen expuxo unha análise sobre produción e sistemas de muxido, concluíndo que o incremento produtivo asociado aos robots se debe fundamentalmente ao benestar animal máis que á propia tecnoloxía. Ademais, Miguel Iglesias, de Deheus, explicou como optimizar a alimentación en sistemas robotizados a través dunha xestión integral baseada na nutrición de precisión e no seguimento exhaustivo dos datos.

Esta primeira sesión das Xornadas Técnicas de Seragro rematou co tradicional encontro gandeiro. As conferencias retomaranse mañá a partir das 11:00 horas, cun programa que afondará no marco laboral, a dixitalización ambiental, a saúde podal e o avance da intelixencia artificial nas granxas de vacún leiteiro.

⚙ Configurar cookies
0.13961887359619