Asemblearias Lucus Augusti: “Lugo debería ter un museo que mostre o traballo das Asociacións do Arde Lucus”

LugoXa
Falamos con Pilar Rey, presidenta de Asemblearias Lucus Augusti desde a súa creación, con Azucena Pérez e Mónica López, parte da asociación que pon en valor o papel da muller na Antiga Roma
Asemblearias-Arde-Lucus-Lugo
8 Jun 2025

Jessica Fernández

Cando xorde a Asociación?

A nosa é unha asociación feminina cultural e de recreación histórica que naceu coa intención de difundir o rol das mulleres máis transgresoras, poderosas e influentes da Antiga Roma que sempre estiveron na sombra. Ao principio, naceu no Concello de Lugo, xa que querían reivindicar o papel da muller na Roma Antiga e non había ningunha asociación só de mulleres de todas as que había con respecto ao Arde Lucus. Así, comezamos a actividade en 2012 pero non nos constituímos ata 2014 e este ano celebramos os 10 anos de actividade. Cada unha das socias, que agora somos arredor de 15, dá vida a unha muller romana, desde avogadas ata emperatrices ou escritoras. Aínda que pode parecer pouco 15 persoas, é moito cando todas estamos implicadas e somos como unha familia, xa que tamén facemos partícipes ás nosas propias familias, que nos axudan a conformar os accesorios e obxectos, como a Boca da verdade, a Loba Capitolina e o monstro do parque de Bomarzo, que logo expoñemos no noso campamento no Arde Lucus, no Palatino, que se sitúa nos xardíns do Museo Provincial de Lugo.

Cal é a importancia de darlle valor a esas mulleres da Antiga Roma?

As mulleres sempre somos as esquecidas, tanto na actualidade, na que nos custa moitísimo conciliar a vida familiar co traballo, e imaxínate cando estás nunha asociación; como no pasado. Queremos reivindicar o papel desas mulleres no mundo Romano e a súa pegada na Historia. Por exemplo, representamos a Gaia, unha avogada que se considera unha das persoas que escribiu o Código do Dereito Romano, pero firmou como Gayo, polo que é difícil saber con exactitude se foi ela. O que sabemos é que o valor das mulleres foi callado durante a Historia. E non só representamos avogadas, hai comerciantes, escritoras, emperatrices...

Entendo que ese tamén é un labor da asociación, o de transmitir coñecementos.

Si, nos talleres que facemos desde a asociación un dos obxectivos primordiais é explicarlles á xente quen somos, pero sobre todo o labor de documentación que levamos a cabo para coñecer a Historia desde un punto de vista obxectivo e poñer no punto de mira a mulleres, como nós, que fixeron cousas no mundo. Agora, coa exposición, estamos facendo ese tipo de talleres interxeracionais e para toda a familia para mostrarlle á xente as vestimentas da muller na Antiga Roma, as xoias, que moitas delas están elaboradas pola nosa socia Eva Alonso, os accesorios que levaban... E todo dunha maneira lúdica, a través dun scape room, dunha xincana...

Valoran positivamente o éxito desta exposición?

Si, cremos que a xente respondeu moi ben e gustoulle moito ver esta exposición. Era a primeira vez que a faciamos e foi difícil escoller que prenda poñerlle aos maniquíes, xa que levamos 10 anos e levamos cada una tres vestidos, xa que son tres días de Arde Lucus por ano, así que conta. Teremos arredor de 200 pezas feitas a man por Pilar, a presidenta, que con todo o seu cariño cose as teas para deseñar traxes coma estes. Ademais, na asociación gústanos moito facelo todo a man e, se podemos reciclado, polo que os accesorios tamén están feitos por nós. Concretamente, os paus dos parasoles están feitos con madeira por parte do marido dunha socia que é artesán, mentres que a parte superior está feita con teas. A boca da verdade fixémola entre as socias con porespán, area e outros materiais básicos; e a loba foi feita tamén na casa de Azucena a través dun traballo de catro meses.

Que outras actividades organizan?

Gústanos moito facer manualidades, pasar tempo xuntas e integrar ás nosas familias neses traballos; é máis, os nenos antes do Arde Lucus fan xoias e carteiras e logo véndenas no campamento aos turistas. E con ese diñeiro recadado, invitámoslles a mercar algo. Ademais de estar os tres días no campamento do Arde Lucus, crear materiais e facer manualidades, así como documentarnos historicamente e ofrecer talleres, tamén damos charlas en centros educativos e estamos abertas a facelo máis, porque cremos que é importante dar a coñecer todo o que envolve o Arde Lucus e, aínda que mellorou moito a programación da festa, cremos que hai que darlle máis pulo.

Debería haber un museo en Lugo, por exemplo, no edificio da Estación de Autobuses, que agora vai quedar baleiro, onde poder visitar durante todo o ano unha pequena mostra exposta do traballo que facemos as 19 asociacións

Que falta por facer?

Hai xente que vén doutros lugares de España ao Arde Lucus e búscanos pola nosa recreación histórica, chámalles a atención o que facemos e o lugar onde estamos. Porén, tamén cabe resaltar o labor das outras 19 asociacións de Arde Lucus, tanto romanas como castrexas e mixtas, xa que convertemos Lugo no centro da recreación histórica dun tempo importante para a nosa cultura e identidade. Concretamente, fomos a Mérida, que ten unha festa similar, e non ten nada que ver. Pero si é certo que eles teñen algo que nós non temos é un lugar onde consumir cultura do Arde Lucus durante todo o ano. Debería haber un museo en Lugo, por exemplo, no edificio da Estación de Autobuses, que agora vai quedar baleiro, onde poder visitar durante todo o ano unha pequena mostra exposta do traballo que facemos as 19 asociacións.

Cales son outras necesidades que teñen desde a asociación?

Igual que necesitariamos un lugar onde expoñer o que xa temos feito, como o Oráculo de tres metros de alto, tamén necesitamos un lugar onde almacenar todo o que facemos, xa que temos un local en Frigsa cedido polo Concello de Lugo, pero hai humidade e as medidas non serven, son locais pequenos, tal e como opinan as demais asociacións, que non teñen espazo para albergar todo o que temos nin sitio para facer máis cousas. Por outro lado, unha cousa que levamos pedindo todas as asociacións moitos anos é que o Concello de Lugo impoña unha data concreta. É moi difícil planificar cando cada ano cambia a data segundo o Corpus, segundo o San Xoán... Para nós, o mellor sería celebralo a finais de xuño ou a primeira fin de semana de xullo, xa que os nenos e nenas xa remataron o colexio, xa pasou San Xoán e temos algo máis de tempo para preparar todo.

Cal é o obxectivo de futuro?

O que máis nos gustaría é poder pagarnos unha excursión a Roma para ampliar os nosos coñecementos e ofrecer á xente unha mellor visión da Historia. E, despois, seguir o traballo feito de ata agora e seguir coa asociación adiante, que moitas veces flaqueamos e pensamos en deixalo, porque como comentaba antes, é moi difícil compatibilizar a vida co traballo, a familia e a asociación, pero esperamos ter folgos para facelo e seguir promovendo a posta en valor da vida romana en Lugo moitos anos máis.

⚙ Configurar cookies
0.196368932724