ASGADeD preséntase en Lugo para defender un sistema público de dependencia

O Salón de Actos da UNED en Lugo será escenario este xoves, 12 de xuño, da presentación oficial da Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD), un colectivo que nace co obxectivo de denunciar o deterioro dos servizos públicos neste ámbito e esixir un modelo de atención 100 % público.
O acto terá lugar ás 12.00 horas e contará coa intervención de Francisco Vázquez Vizoso, médico xubilado e ex-xefe de Medicina Preventiva no Hospital de Pontevedra, e Margarida Prieto Ledo, coidadora e familiar dunha persoa dependente.
Xa pola tarde, ás 19:00 horas, celebrarase tamén na UNED unha charla informativa aberta á cidadanía, co propósito de dar a coñecer os obxectivos de ASGADeD e compartir unha análise da situación actual dos recursos de dependencia e discapacidade na provincia de Lugo.
Desde a nova asociación denuncian que a Xunta de Galicia está a desmantelar progresivamente o Sistema Público Galego de Dependencia, convertido nun modelo asistencial “low cost” que favorece a privatización e relega a atención pública a un papel secundario.
ASGADeD está formada por persoas de diferentes ámbitos sociais e profesionais que buscan construír un movemento social amplo, plural e transversal, capaz de mobilizar á sociedade galega para reclamar ás administracións, especialmente á autonómica, un compromiso real cun sistema público, universal e de calidade.