ASGADeD preséntase en Lugo reclamando un sistema público galego de atención á dependencia

LugoXa
Propoñen a creación dun sistema galego público de atención á dependencia, que aglutine todos os recursos actuais nun organismo semellante ao SERGAS
ASGADeD_Lugo_UNED
13 Jun 2025

A Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) presentouse en Lugo cunha rolda de prensa e unha palestra informativa na sede da UNED, centrada na situación actual dos servizos de atención á dependencia e discapacidade.

O acto contou coa participación de Francisco Vázquez Vizoso, médico xubilado e ex-xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra, e Margarida Prieto Ledo, familiar e coidadora dunha persoa dependente.

Durante a súa intervención, Francisco Vázquez puxo o foco na febleza estrutural do actual Servizo de Atención á Dependencia, que definiu como “un sistema feble e desestruturado, moi por detrás da sanidade ou o ensino público”. Dende ASGADeD propoñen a creación dun sistema galego público de atención á dependencia, que aglutine todos os recursos actuais –como centros de día, residencias e o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)– nun organismo semellante ao SERGAS.

Vázquez denunciou a precariedade que afecta tanto aos coidados prestados como ás condicións laborais do persoal, maioritariamente mulleres, que sofren baixos salarios e ratios desproporcionadas que deterioran a calidade dos servizos. “As empresas privadas dominan o sector e obteñen beneficios a custa desta precariedade”, subliñou. A situación reflíctese tamén nos datos: o investimento en dependencia en España apenas chega ao 0,8 % do PIB, lonxe da media europea (2 %) e aínda máis de países como Dinamarca ou Suecia.

ASGADeD alerta, ademais, de que as últimas modificacións introducidas pola Consellaría de Política Social e Igualdade non fixeron máis que agravar esta situación, debilitando o sistema público e promovendo alternativas como o Bono Coidado, que transfiren a responsabilidade ás familias, principalmente ás mulleres, e rebaixan a profesionalización dos coidados. Os datos mostran unha clara tendencia: mentres o SAF perdeu 1.823 usuarios entre marzo de 2024 e maio de 2025, o número de persoas atendidas por familiares co Bono Coidado pasou de 17.754 a 26.041.

Margarida Prieto tamén denunciou os retrasos no proceso de valoración da dependencia, con medias de máis dun ano e cunha taxa de solicitudes por persoa potencialmente dependente moi inferior á media estatal. “Galicia está á cola en solicitudes e en atención real”, advertiu.

Ambos poñentes fixeron un chamamento á mobilización social para erguer un verdadeiro cuarto piar do Estado de Benestar: un sistema público, profesionalizado e baseado no dereito subxectivo, accesíbel e universal. “Temos que ser quen de organizarnos para frear esta desfeita e defender os dereitos das persoas dependentes e con discapacidade”, concluíron.

⚙ Configurar cookies
0.16715598106384