Asinado o convenio para a rehabilitación da Capela do Carme, na cidade Lugo

LugoXa
O Goberno local aposta por recuperar o Carme como espazo de lecer e entrada sostible ao Miño, dentro da súa estratexia de protección e valorización do patrimonio histórico
convenio-diocese-camino-primitivo
2 Aug 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinou este venres o convenio de colaboración coa Diocese de Lugo para acometer a rehabilitación da Capela do Carme, un dos elementos patrimoniais máis singulares da cidade polo seu valor histórico e pola súa localización, no acceso ao barrio do Carme e xunto á Porta Miñá, nun punto clave do Camiño Primitivo.

Na sinatura participaron tamén o Delegado Episcopal de Patrimonio de Bens Inmobles, Miguel Ángel Gómez Vázquez, e o presidente da Confraría da Virxe do Carme, Antonio de los Ojos. A colaboración contempla unha achega municipal de 70.000 euros, que permitirá restaurar as fachadas e carpintarías exteriores da capela, mellorando a súa conservación e contribuíndo á posta en valor dun dos bens patrimoniais máis representativos da cidade.

“Defender o patrimonio é tamén defender a identidade de Lugo. E facémolo actuando, non só facendo declaracións”, afirmou o rexedor, que puxo en valor esta intervención como un paso máis na aposta do Executivo local pola recuperación do barrio do Carme e do seu legado cultural.

Esta actuación forma parte da estratexia municipal de posta en valor do patrimonio histórico e encaixa coas transformacións que o Goberno local vén desenvolvendo neste ámbito da cidade, como a humanización do Camiño Primitivo e da Vía Romana XIX, ou as catas arqueolóxicas
realizadas nas inmediacións da Porta Miñá, dentro do programa DUSI Muramiñae

A Capela do Carme atópase nun punto de especial significado para a cidadanía e para os peregrinos que acceden ao centro histórico de Lugo, e está moi vinculada á tradición local a través da súa Confraría, unha das máis antigas e numerosas do municipio, con máis de 800 persoas asociadas.

⚙ Configurar cookies
0.16356682777405