Asinado o convenio que permitirá a unión dos parques do Rato e do Miño

LugoXa
O acordo contempla, entre outras actuacións, mellorar a biodiversidade, crear unha barreira natural coa N-VI e habilitar unha nova senda de 600 metros de lonxitude
Sinatura-Convenio-Concello-de-Lugo-CHMS
19 Dec 2024

Asinado o convenio que permitirá a unión dos parques do Rato e do Miño, coa creación dunha nova zona verde paralela ao río, duns 600 metros de lonxitude.

Esta colaboración interadministrativa queda recollida nun acordo firmado pola alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, que contempla a cesión dos terreos necesarios por parte do Concello, e por outra banda a redacción e execución do proxecto, por parte do Organismo, quen despois cederá a nova dotación á Administración local, que se encargará do seu mantemento e conservación.

A rexedora municipal subliñou que “coa sinatura deste convenio avanzamos cara ao remate do cinto verde, mellorando a conectividade da cidade, a biodiversidade e a posta en valor dunha zona moi empregada e valorada pola veciñanza, que contará cunha senda de 600 metros de lonxitude, mentres se crea unha barreira natural coa N-VI”. Ademais, insistiu en que se cumpren os obxectivos de Goberno, como é avanzar na incorporación da contorna fluvial á vida na cidade”.

Pola súa banda, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, puxo en valor “a colaboración entre administracións para sacar adiante proxectos como este” e destacou o investimento duns 200.000 euros que se destinarán a este proxecto.

Isto “demostra o noso compromiso con Lugo e pola posta en valor da súa riqueza ambiental. Seguiremos a colaborar co obxectivo de que a cidadanía de Lugo poida gozar desta contorna cunha nova dotación que contribuirá a concienciar sobre a necesidade de conservar este tipos de espazos”, conclúe.

O acordo contempla, entre outras actuacións, mellorar a biodiversidade, crear unha barreira natural coa N-VI e habilitar unha nova senda de 600 metros de lonxitude. Esta nova dotación, que unirá os parques do Rato e do Miño, completará un cinto verde transitable, que na actualidade xa dispón de máis de 30 quilómetros de carreiros conectados paralelos ao río.

⚙ Configurar cookies
0.13603591918945