Asinado o novo convenio colectivo e a RPT do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo
O presidente da Deputación e do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, José Tomé Roca; o presidente do Comité de Empresa, Álvaro Negueira Fernández; o vicepresidente do Consorcio e representante da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva Álvarez; e os representantes sindicais asinaron o novo convenio colectivo e a Relación de Postos de Traballo (RPT).
“Hoxe é un día moi importante para a nosa provincia”, destacou José Tomé Roca, quen reafirmou o seu compromiso de garantir estabilidade e seguridade laboral aos profesionais que desempeñan este servizo público esencial, protexendo á cidadanía e aos seus bens fronte a incendios e emerxencias.
Este acordo, pioneiro en Galicia, foi acadado tras máis dun ano de negociacións para mellorar a calidade do servizo, recoñecer o labor dos bombeiros, proporcionarlles seguridade laboral e optimizar as súas condicións económicas, dignificando a súa figura na sociedade.
O novo convenio inclúe avances significativos, como a incorporación de 26 novos efectivos, un incremento salarial anual de 6.000 euros para a categoría de bombeiro, unha redución de 158 horas anuais na xornada laboral (das 1.800 ás 1.642 horas), e o recoñecemento como persoal laboral fixo para os traballadores con contrato indefinido tras a subrogación realizada o 1 de maio de 2019. Ademais, contempla permisos e licenzas, melloras no equipamento e uniformes, redución da mobilidade entre parques comarcais, axudas sociais e días adicionais para asuntos propios.
O Consorcio de Bombeiros da provincia de Lugo, xestionado conxuntamente pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, inclúe os parques de Barreiros, Vilalba, Sarria, Monforte de Lemos, Viveiro e Chantada.
Este acordo marca un fito na xestión e nas condicións laborais do servizo de bombeiros en Galicia.