Asociación As Candelas de Becerreá: "Con máis medios, faríamos máis cousas"
Por Jessica Fernández
Co entusiasmo de promover algo mellor e axudar así ao Concello a mellorar, e tamén por ofrecerlle un evento máis lúdico aos seus fillos, os promotores da Asociación As Candelas de Becerreá decidiron xuntarse e constituírse en Asociación.
Desa maneira, decidiron fundar a Asociación As Candelas, cuxo nome honra á Virxe patroa do municipio, entre 8 mulleres que dirixiron a asociación ata o ano pasado, no que un dos maridos asumiu a Presidencia da Asociación. Porén, inciden en que non queren sobresaír uns por riba dos outros, “todos somos importantes e temos un papel fundamental, hai que poñer cargos na asociación, pero a efectos prácticos imos todos a unha, porque somos como unha gran familia na que formamos parte unhas 20 persoas”, destacan.
Así, todo comezou no 2012, pero “foi medrando. Empezamos pola cabalgata de Reis, promovendo unha maior actividade para os nenos, xa que remata no pavillón, onde ademais da recepción dos Reis hai chocolate, colchonetas e xogos para os nenos; e logo aumentamos, promovendo tamén a cabalgata de Papa Noel, polo que fixemos unha Casa de Papá Noel para que este poida recibir aos nenos na Praza do Concello”, explican. Ademais, durante esta época de Nadal, desde a Asociación promoven que o municipio estea decorado, non só a vila, senón tamén as aldeas. “Intentamos decorar todo para que a xente que queira poida vir velo, xa que o noso obxectivo é poñer no mapa a Becerreá”. E promoven o concurso de escaparates, para que establecementos e vivendas particulares se enchan de motivos navideños.
AS ACTIVIDADES
Por outra banda, o 2 de febreiro organizan unha festa das Candelas, “xa que é o día da nosa patroa e a nosa Asociación chámase así”; e tamén organizan o Entroido para os nenos, así como axudan ao Concello a organizar a fogueira de San Xoán.
“Nós axudamos e desde o Concello axúdannos a nós economicamente, xa que non temos máis axudas. Pedimos dous anos á Deputación, pero era moito papeleo e tardaba moito, así que deixamos de pedila. Para compensar, organizamos algún mercado no que vendemos cousas que facemos de forma artesanal e con ese diñeiro subvencionamos as nosas actividades”, explican desde a Asociación. Refírense, por exemplo, ao mercado promovido durante a Festa do Mexillón.
Con respecto á acollida da veciñanza, din que “os veciños apóiannos moitísimo, tanto empresarios como xente particular están aí cando os necesitamos, porque tamén valoran o que facemos. Achéganse e dannos as grazas por facer o que facemos, así como nos animan a seguir facendo cousas, xa que para nós o máis importante é levar o nome de Becerreá por onde imos”, destacan.
E recoñecen que en Becerreá “hai asociacións que fan cousas moi interesantes, coma nós, e cada unha ten o seu labor, xa que desde o Concello non dan chegado a todo. Calquera asociación no pobo é necesaria”, sentencian.
AS NECESIDADES
Porén, din que necesitan “máis axuda, xa que para promover a vida comunitaria e o turismo, así como poñer en marcha todas as nosas ideas, necesitamos apoio económico”. De todos modos, non perden a esperanza e falan de proxectos de futuro: “Temos moitas ganas de facer algunha xuntanza, pero non temos tempo e todo é moi caro. Con máis medios, faciamos máis cousas tamén para os nenos, que son o futuro da sociedade de Becerreá. Encantaríanos levar aos nenos de acampada na carballeira de Becerreá, pero faría falta tendas de campaña, promover unha cea conxunta... Algún día o faremos”, din esperanzadas.
Ao ser “como unha familia”, os da Asociación As Candelas xúntanse case todas as fins de semana para conversar sobre a vida e sobre Becerreá, comentan as ideas que teñen e de que forma poden levalas a cabo, todo baixo o impulso de “dinamizar a vida no municipio e animar aos nenos. Preocúpanos moito a despoboamento e apostamos por vivir aquí. É importante quedarse nos sitios de onde somos; a pesar de que hai serias deficiencias, como que non estea aínda a punto a residencia de maiores, xa que aquí o que máis hai son maiores. É unha necesidade que se debería poñer solución xa”, conclúen desde a Asociación As Candelas.