Asociación de Veciños de Benade: "Facemos actividades para todas as idades como viaxes e o tute”

LugoXa
O campionato, que é unha cita habitual na parroquia dende fai 13 anos, e a festa do Entroido protagonizan o calendario deste colectivo, que conta cunhas tres décadas de vida
vecinos_benade
Festa de Entroido organizada polo colectivo veciñal na parroquia.
19 Maio 2024

Por Lucía Blanco

Santo Estevo de Benade, en Lugo, mantense como unhas desas parroquias do rural que, malia o seu pequeno tamaño —son apenas uns 100 habitantes—, segue a dinamizar a súa actividade e manter a unión do núcleo grazas á asociación de veciños. Dende fai unhas tres décadas traballan por ofrecer unha oferta cultural que os implique a todos. “Imos abarcando todas as idades. Intentamos facer actividades enfocadas a xente máis maior, por exemplo, viaxes que son as que máis lles gustan, pero tamén para a xente de mediana idade que participa moito no tute”, conta María José, que leva 16 anos á fronte da presidencia.

O colectivo despegou nunha época  na que “se comezaba a viaxar e a facer cursos e empezouse así a poñer en marcha distintas ideas veciñais” coas que continúan a día de hoxe. “Ademais das que nos dan subvencionadas e as institucionais, organizamos unhas dúas ou tres escapadas ao ano. Pero despois de pandemia baixou moito, entón agora colaboramos con outras asociacións para viaxar todos xuntos”.  A presidenta recoñece que son “un pouco a excepción” se se comparan con outros colectivos, porque colaboran con máis parroquias e non pagan cota de socio. “Aquí participa xente que non é nin da parroquia nin deste concello, porque somos un pobo moi pequeno e temos que xuntarnos con outra xente”.

Cursos de costura creativa ou de encaixe de bolillos tamén compoñen o seu programa. “Nestes momentos estamos pelexando polo curso de tear para que a Deputación nolo deixe usar”. Estas apostas súmanse ás iniciativas da asociación de montes e ás da de mulleres rurais de Benade. “Colaboramos todos como se foramos unha. Temos unha vogalía de muller e outra de igualdade tamén para relacionarnos coa outra asociación que está encamiñada a cuestións como a violencia de xénero e están moi implicados”.

Entroido e tute

En canto ás datas, o Entroido supón unhas das grandes celebracións para eles. “Facemos a festa o sábado e preparamos unha pequena comparsa, disfraces, comida, sorteos e agasallos. É a que nos costa máis economicamente porque hai que poñer carpa e inchables para os nenos, pero coas subvencións do Concello e co que aportamos nós chéganos. Cubrimos as necesidades e en xeral tampouco podemos abarcar máis porque non damos”, asegura.

Ademais desta xuntanza, o campionato de tute é outra das citas imprescindibles no seu calendario dende fai xa 13 anos. “Ten moito éxito. Empezamos sempre o primeiro venres de novembro e rematamos cunha comida. Non hai premio en metálico, damos un trofeo e agasallos para os participantes”. No torneo, que non entende de xeracións pois os asistentes van dende os 20 aos 88 anos, enfróntanse 16 parellas, aínda que xogan todos contra todos. “Empezou con poucas mulleres e agora entre o 30 e o 40 % son mulleres e imos abarcando todas as idades”.

Aínda que nas vindeiras semanas a súa actividade sufrirá un pequeno parón, ganas non lles faltan a esta pequena parroquia que traballa todo o ano para seguir poñendo en valor o rural e os seus costumes. “Moitos coma min somos gandeiros entón, cando toca por exemplo ensilar, sempre é unha temporada na que se desconecta un pouco. Pero estamos moi contentos e a participación é total, con dicirche que acabou o campionato de tute e seguimos xuntándonos os venres na escola”.

0.16323900222778