Asociación de veciños de Esperante: “O noso leitmotiv é mellorar a calidade de vida e os servizos na parroquia”
Lucía Blanco
A Asociación de Veciños de Esperante leva case catro décadas apostando por dinamizar a súa parroquia e fano coas mesmas ganas que cando botaron a andar no ano 88. “Non sei se somos a máis antigas, pero penso que si e ademais das que funcionan porque ás veces créanse e non teñen tanta actividade”, conta Ángel Rodríguez, que leva uns 15 na presidencia do colectivo, aínda que xa pasou por varios cargos na directiva. “Fun tesoureiro os primeiros tempos, despois secretario e logo presidente en dúas ocasións. Ao principio fomos 10 os que fundaron a asociación e despois abrímola a todos os veciños”.
Actualmente, compoñen o grupo unhas 68 casas, porque eles contan así e non por número de asociados. Pero este lucense lembra con especial cariño os anos “gloriosos” na parroquia. “Tiñamos unha actividade tremenda e no ano facíanse 4 xuntanzas: as festas patronais, o magosto no mes de novembro, o San Antón en xaneiro e o Lume Novo. Xuntabámonos entre 80 e 90 persoas e facíase dunha maneira que me gustaba moito, coa participación dos veciños, non había catering, facíamos, servíamos e ao final limpabamos todo nós”.
Agora a actividade foi a menos. “Estamos catro maiores tirando por esto e a xente nova ten outras inquietudes, que non critico, pero é así”. Manteñen as súas excursións e intentan realizar como mínimo unha ao ano, e os cursos e obradoiros que tamén van variado. Excursión facemos unha cada ano e cursos estes tempos de pandeireta e xamón e de cosmética. ”Este ano temos cursos de pandeireta e de elaboración de cosméticos. En canto ás viaxes, fomos a todos os recunchos de Galicia, a Asturias varias veces, a Cantabria, tamén nos animamos a ir ao País Vasco, a Valencia e a Madrid e actualmente seguimos mantendo a festa patronal da que se encarga o secretario”.
Saneamento e abastecemento de augas
Tampouco se esquecen de defender o seu pobo e de trasladar as súas demandas, que marcan as súas actuacións. “Eu creo que o leitmotiv da asociación é mellorar a calidade de vida dos veciños e conseguir a mellora dos servizos. Estes son os puntos fundamentais para nós”. A súa principal reivindicación, máis aló do arranxo dalgunhas fochancas nas pistas e da necesidade dun maior número de puntos de luz, é o saneamento e o abastecemento de augas.
“Levamos moitos anos pelexando. Hai un proxecto feito que abrangue dende a zona de Louzaneta, onde xa está o saneamento feito, ata case o cruce do hospital de Calde, Vannos prometendo, agora estamos vendo que lle falta a ese proxecto, pero non acabamos de arrincar”. Esto implica que no verán adoitan ter graves problemas de auga, “porque se ven seco escasean as traídas. E ao final pedimos auga e un sitio para botar os nosos residuos, nada doutro mundo”, sostén. Rodríguez considerase un fiel defensor do asociacionismo e lamenta precisamente a falta de relevo para este colectivo que á marxe de apostar pola oferta cultural e de crear comunidade, loita por conseguir avances para a veciñanza.
“A realidade é que vemos que non hai relevo, e pásanos a moitos. Nós levamos catro anos un pouco en función, por dicilo dalgún xeito, volvemos cada ano a facer a asemblea xeral para ver se alguén se presenta, pero seguimos igual”. O tempo que implica asumir este tipo de responsabilidades e poñerse á fronte da agrupación provoca que o futuro do colectivo poida perigar. “Dá moitos sen sabores entón non anima á xente a meterse. Eu teño 72 aos e os compañeiros na directiva somos todos maiores, estamos aguantando e aguantando e esperando se algún se anima”.