Asociación Gatos Roxos: “O máis importante é que as institucións finalicen o Plan Paradai”

Jessica Fernández
“Necesitamos que as institucións finalicen o Plan Paradai, un plan para abrir e desenvolver vías de comunicación para a cidade de Lugo e que permitiría un desenvolvemento moi importante para a zona norte da cidade”, destacan desde a Asociación de Veciños Gatos Roxos, que se puxo en marcha hai case 28 anos, no ano 1997, por un grupo de veciños e veciñas que se xuntaron para ver como se podían solucionar varios dos problemas que tiña este barrio da periferia de Lugo.
As demandas deste colectivo “son diversas e variadas e foron mudando dende a creación da Asociación”. Así, o seu presidente, Jaime Gueimonde, explica que “neste momento, un dos temas máis importantes é que as administracións finalicen o Plan Paradai, xa que o barrio das Gándaras é un dos barrios máis grandes da periferia da cidade e o máis afectado pois, dende hai máis de 25 anos, ten paralizado unha parte do barrio, pois non permite o seu desenvolvemento nin sequera cambiar un tellado dunha casa”, critica.
As obras de construción do Plan Paradai iniciáronse a principios de 1999 despois de formalizar un acordo entre a Xunta, a Deputación e o Concello (daquela gobernadas as tres institucións polo PP), no que se prevía un investimento de 10 millóns de euros en tres anualidades. Porén, cando pasaron a gobernar PSOE-BNG no Concello de Lugo, paralizouse o proxecto, acusando o PP ao bipartito de non ceder os terreos para podelo levar a cabo, algo que Gueimonde contradí, xa que “moitos terreos foron cedidos e expropiados e, aínda así, non se fixo nada”. Pola súa banda, o Goberno local de Lugo acusa aos populares de “atrasar ano tras ano” a execución dos proxectos con fondos comprometidos, reservando nos orzamentos da Xunta unha mesma cantidade anual de 500.000 euros, unha partida atribuída a Lugo que, ao final, non se acaba executando.

Por iso, desde a Asociación sosteñen que as súas propostas reivindicativas empezan polo Plan Paradai, “pois consideramos moi importante a súa execución para o futuro do barrio, xa que permitirá o desenvolvemento de vías importantes como é a Calzada das Gándaras, unha vía que ten moito tráfico, xa que por ela discorren os usuarios do HULA, e dos polígonos do Ceao e das Gándaras”.
Por outra banda, tamén demandan a creación dunha pasarela sobre a Rolda Norte, “que permita os veciños e veciñas cruzar dende o barrio das Gándaras ata o Parque Empresarial, pois é unha zona de moito paseo para os veciños”. Así como tamén cren necesaria a “renovación dos servicios básicos para os veciños e veciñas, como o saneamento, xa que aínda hai zonas do barrio que non o teñen; a condución de auga potable, que é moi deficiente; mellorar o alumeado, e crear beirarrúas, concretamente a construción dunha beirarrúa preto do colexio, pois os menos e nenas teñen que ir andando por unha rúa estreita, co conseguinte perigo que supón”.
A PROBLEMÁTICA DO COLEXIO, UNIDA A OUTRAS
O presidente de Gatos Roxos critica tamén a situación na que se atopa o colexio, xa que “é un colexio que dá servizo a moitísima xente, xa que veñen moitos nenos dos arredores do rural, pero está nun estado de abandono que nos fai pensar que, en pouco anos, pechará. Xa non se fan colexios como este, con tres patios para os nenos, un especial para o xardín da infancia e con dous pavillóns deportivos. As clases, para quen estudou alí, sabe que son amplas e que, cunha reforma, podería ser un lugar onde poderían caber máis de 500 nenos e nenas, o que promovería o asentamento de poboación no barrio”, explica.

Porén, matiza que, “para que se asente poboación, son necesarios os servizos. Aquí non temos unha ludoteca ou Escola Infantil, xa que a que ía vir, localizárona ao lado do LIDL da Infanta Elena; tampouco temos un centro de saúde, non hai un supermercado, non hai nada para que a xente quede vivir aquí se non ten coche. E non temos beirarrúas nos lugares onde se necesitan: diante do colexio non existe beirarrúa, pola baixada da rúa Camiño de Romai cara á ponte de Romai que conecta con Paradai tampouco; a xente vai polo pola beiravía e arriscando a vida”, sostén.
Por outra banda, pon a énfase na principal vía das Gándaras: “A Calzada das Gándaras e unha estrada que soporta gran volume de tráfico, xa que conecta o polígono das Gándaras con Sagrado Corazón, a estación de tren, Fontiñas e o centro de Lugo. Pero está chea de fochancas e de parches en forma de asfalto, pero que non arranxan o problema. Ademais, hai dous pasos de peóns localizados en cambio de rasante. Quen cruza por uns pasos de peóns no que os peóns non ven os coches nin os condutores ven aos peóns? E tampouco hai resaltes que minimicen a velocidade e é un perigo”, comenta.

Porén, nega que exista un perigo ou unha falta de seguridade no barrio por mor das persoas que habitan nel. “Nas Gándaras hai un desleixo das institucións e por iso están as cousas como están, pero a xente que vivimos nas Gándaras somos persoas como calquera das que viven noutros barrios de Lugo. Hai algún suceso, como algún roubo, algunha casa okupada, algún problema na entrada do colexio, pero é algo puntual, nada que non pase na Milagrosa, na Piringalla ou na Abella, e neses barrios desenvólvense iniciativas que aquí non, porque non nos teñen en consideración”, denuncia. E destaca que “a meirande parte da poboación que vive nas Gándaras é maior e é un lugar tranquilo, no que moitas persoas poderían desenvolver o seu proxecto persoal, xa que podería haber un gran asentamento de poboación que traballe nos Polígonos e quixera vivir aquí, pero non temos os servizos necesarios para promover que As Gándaras sexa atractivo”, sostén.
AS ACTIVIDADES DA ASOCIACIÓN
Ademais das reivindicacións para mellorar As Gándaras, a Asociación Gatos Roxos tamén organiza actividades lúdicas, co fin de que os veciños e veciñas do barrio teñan un espazo de lecer onde xuntarse. “Facemos charlas sobre diversos temas, como de seguridade cidadá, charlas médicas en colaboración co centro de atención primaria do Sagrado Corazón, charlas divulgativas... e tamén actividades como ximnasia de mantemento, clases de zumba, de baile; e cursos de cociña para todos os veciños e veciñas. Tamén facemos excursións e organizamos as festas patronais durante varios anos, así como fixemos a tradicional fogueira de San Xoán e o Magosto. Así seguiremos este ano, no que xa temos previsto facer unha charla sobre seguridade para as persoas maiores e o maltrato das mesmas no fogar, unha charla sobre temas médicos de prevención; seguiremos coa actividade de ximnasia, que ten moita aceptación no barrio, e de cara ao verán, propoñeremos unha excursión a calquera punto de Galicia”, explica Gueimonde.
Todas estas actividades fanse con fondos propios, xa que a asociación “non conta con ningunha axuda de ningunha administración. Temos un local equipado para facer cursos e actividades, pero para poder facer outro tipo de actividades, precisaríamos financiamento, xa que a colaboración do Concello de Lugo limítase a algunha actividade lúdica e puntual”, explica.
Con todo, defenden que o asociacionismo “é importante, e máis en barrios periféricos das cidades, xa que se agrupan as reivindicacións dos veciños e veciñas que, aínda que pagan os mesmos impostos que noutras zonas das cidades, non teñen os mesmos servizos, e xeralmente son os esquecidos”. Concretamente, no barrio das Gándaras, a Asociación de Veciños Gatos Roxos conta con preto de 200 asociados, familias que colaboran e participan nas actividades do barrio. Aínda que somos un barrio moi envellecido e cada vez máis, a xente que participa nas nosas actividades e actos e menos”, destaca o presidente.
Con esta vitalidade, cren que o futuro deste barrio é “prometedor”, xa que é “un barrio solleiro, ben localizado para a entrada e saída da cidade tanto por estradas de coche como por tren, e dispón dun sinxelo acceso a zonas industriais e ao HULA. Ademais, dispón de moito terreo que permite a construción de infraestruturas e zonas de ocio e comercio para a xente; o que hai que facer é apostar por ela. Consideramos que o parque empresarial das Gandaras é unha parte do barrio, que quedou separada pola Ronda Norte. Así como cremos que o barrio merece un desenvolvemento urbanístico que permita que moita xente que traballa nese parque poida vivir neste barrio se tivésemos servizos. Hai que ter en conta que somos o barrio que está pegado á zona industrial, ao HULA e máis preto da autovía e da futura estación intermodal, polo que o futuro do barrio pasa polo asentamento de xente nel, pero para iso é imprescindible que as administracións traballen por dotar de servizos básicos ao barrio”, conclúe Jaime Gueimonde.