Asociación Santiago de Saa: “Se non fose polas nosas xuntanzas moitos veciños non se verían”
O relevo xeracional asegura a continuidade do colectivo, fundado nos 80 e que mantén vivos os seus encontros, como a tradicional fogueira de San Xoán ou o cocido
Por Lucía Blanco
A pouco máis duns 10 quilómetros de Lugo, atópase a parroquia de Santiago de Saa, un núcleo tradicionalmente dedicado ás actividades agropecuarias, que puxo en marcha a súa asociación veciñal nos anos 80 e que asegura a súa continuidade grazas ao relevo xeracional. “Antes estaban os nosos pais e chegou o momento no que lle quixeron dar paso ás novas xeracións”, conta o presidente, Javier Freitas, que leva vinculado ao colectivo dende o 2008.
Dende a agrupación están enfocados en manter vivos os seus encontros, como a tradicional fogueira de San Xoán ou o cocido que organizaron en febreiro e no que se reuniron 70 comensais. “Adoitan ter moito éxito e os veciños participan bastante. Supoño que se non fose por esas reunións que se fan durante o ano moita xente non se xuntaría, porque tamén acoden persoas dunha certa idade”.
Ademais da súa función por manter a comunidade, colaboran coa veciñanza mediando entre Concello ou ofrecéndose para facerlles chegar ao Goberno local algunha necesidade que poida ter a parroquia “como rozar pistas ou arranxar algunha fochanca, pero xeralmente faino o pedáneo”. Estar á fronte da asociación conleva tempo, xa que que o presidente “exerce de representante ante as institución e administracións públicas e require máis dedicación”. Por iso, intentan intercambiar os papeis entre os seis membros da directiva. “Por exemplo, o que é presidente pasa a ser vocal e así deixa de ter que levar sempre a iniciativa”, explica Freitas.
Excesiva burocracia
Para Javier o principal inconveniente é a excesiva burocracia. “É o que máis traballo me dá e nós non somos unha asociación cun ritmo excesivo ao longo do ano, pero sempre xorden problemas. Resolver o papeleo de xeito telemático ten a súa parte positiva porque non tes que ir alí, pero outras veces atópaste con problemas e non consegues facer trámites e termínaseche o prazo”. De cara á administración, piden un pouco máis de apoio e financiación para as asociacións pequenas como a súa.
“Moitas veces presentamos proxectos feitos por nós e poucas veces teñen éxito. Non reclamamos grandes cantidades de diñeiro, pero no Concello antes dábanche unha axuda para as xuntanzas e iso está tendendo a desaparecer porque teñen que ser actividades como cursos ou viaxes”. Precisamente, cursos de cociña ou ximnasia son algunhas das apostas que se organizan na parroquia da man do Goberno local, aínda que non todas se chegan a materializar pola falta de interesados.
“Pasa ás veces, non sei se por tradición ou cultura, a nosa parroquia non é moi participativa nese sentido. Vimos dunha época na que había máis gandaría que era do que se vivía e as persoas que están en idade de participar veñen mentalizadas no tema traballo e non están acostumadas a dedicar ese tempo”. Dende o colectivo están convencidos de que cada núcleo funciona á súa maneira e “cada asociación temos o noso rol”, polo que en Santiago de Saa van seguir mantendo vivas as súas xuntanzas, que funcionan como punto de encontro para a veciñanza desta pequena parroquia de Lugo.