Asociacións científicas e da madeira estranxeiras coñecerán o Impulso Verde
Farano o vindeiro mércores durante un workshop, co obxectivo de intercambiar oportunidades para a promoción da edificación de media altura en madeira. Entre as entidades participantes figuran centros de Sertã (Portugal), Burdeos (Francia), Navarra, Castela e León, Vizcaia e Galicia.
Asociacións científicas e da madeira de España, Portugal e Francia coñecerán a vindeira semana o edificio Impulso Verde, que o goberno de Lara Méndez, está a construír na Garaballa ao abeiro do programa LIFE Lugo+Biodinámico, como exemplo de estudo de edificación innovadora e sostible.
Farano no marco do proxecto europeo Eguralt, cofinanciado polo FEDER, que promove a aplicación e difusión da innovación para a promoción da construción en altura con madeira no espazo SUDOE (Sudoeste Europeo), contribuíndo ao reto global de loita contra o cambio climático a través da promoción do uso de materiais naturais que proveñen de fontes sostibles e renovables.
O workshop, organizado polo Concello e a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade), terá lugar o vindeiro mércores 3 de novembro, a partir das 17:00 horas, co obxectivo de intercambiar e identificar oportunidades para a promoción da edificación de media altura en madeira. Ao mesmo tamén asistirá o responsable de FSC España (Forest Stewardship Council), Gonzalo Anguita. Cómpre lembrar que o Impulso Verde é o primeiro en España e un dos poucos do mundo en lograr a certificación FSC de sustentabilidade.
Entre as entidades participantes figuran: SerQ - Centro de Inovação e Competências da Floresta – Associação (Portugal); Pôle de Compétitivité Xylofutur Prod Mat Forets Cultivees (Francia); Nasuvinsa (Entidade responsable da promoción da vivenda pública en Navarra) (España); a Fundación Centro de Servizos e Promoción Forestal e da súa Industria de Castela e León (España); a Asociación de Empresarios da Madeira de Navarra (España); a Asociación Baskegur de Vizcaia (España); e a Axencia Galega da Industria Forestal -XERA- CIS Madeira (España).
Eguralt, un proxecto de Interreg Sudoe
O proxecto céntrase en tres ámbitos: a promoción de vivenda pública de madeira en altura; o desenvolvemento de novos produtos tecnolóxicos en madeira e a transformación do sector madeireiro necesario para o cambio de paradigma da construción no espazo Sudoe.
Os seus principais ámbitos de actuación son:
- Intercambio de coñecemento entre centros tecnolóxicos, autoridades púbicas e industria: través de mesas de actores, visitas de estudo…;
- Experimentación de aplicación de novos produtos/procesos e difusión, A través de talleres coa industria (particularmente nas PEME) para mellorar a implementación de novas solucións con maior valor agregado na súa carteira;
- Capitalización de coñecemento mediante formación dedicada aos prescritores de madeira na construción,
- Sensibilización á poboación e autoridades públicas
- Posicionamento a nivel internacional a través de redes.