Asociacións da provincia reciben unha axuda para mellorar as súas infraestruturas
Na Xunta de Goberno da Deputación déuselle o visto bo ao último trámite administrativo para o pago de subvencións por un importe total de case 22.000 euros a cinco entidades asociativas da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo.
En concreto, son as seguintes: a asociación Amigos da Feira de Castro de Rei, que recibirá 2.770€ para o acondicionamento do seu local; a asociación San Julián de Gaibor, de Guitiriz, que percibirá 6.000€ para a mellora e adecuación do firme da pista de acceso ao Monte Veciñal en Man Común da parroquia; a Asociación Veciñal Irmandade Naviega, de Navia de Suarna, que cobrará 1.045€ para a adquisición dun equipo de son; a Asociación dos Montes Veciñais en Man Común de Ribas Pequenas, de Bóveda, que recibirá 6.000€ para a mellora de vías públicas, do campo de fútbol e do campo da festa; e a Asociación do Monte Veciñal en Man Común de Cumbraos, en Monterroso, beneficiaria de case 6.000€ para a mellora e adecuación dun camiño.
Co Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, a Deputación colabora economicamente con entidades asociativas da provincia, como agrupacións veciñais, comunidades de augas e de montes, e asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais, para acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no seu día a día, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais. “Estamos contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida e, desta forma, a fixar poboación no noso rural”, recalcou Pilar García Porto.