Asorlu celebrou o seu aniversario cunha festa en Lugo

LugoXa
Na sesión estiveron presentes o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias
aniversario-asorlu
6 Apr 2025

O Hotel Mercure acolleu este sábado os actos celebrados con motivo do 50º Aniversario da Asociación de Persoas Xordas de Lugo (Asorlu).

Na sesión estivo presente o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que subliñou o compromiso da institución de estar ao carón deste colectivo nun día tan especial. “A vosa presenza nos plenos, nos actos e nos espazos públicos non é un simple detalle, senón unha verdadeira lección de democracia”, porque recalcou Rivera Capón, “comunicarnos non depende das cordas vocais, senón do corazón e da vontade de entendérmonos".

A Deputación de Lugo mantén unha colaboración anual con esta asociación, a través da cal a institución achega unha achega de 23.000 euros para a contratación dun intérprete.

Tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que felicitou á entidade polo traballo que desenvolven e reiterou o apoio da Xunta para o desenvolvemento de medidas que faciliten a inclusión e plena autonomía das persoas xordas en todos os ámbitos. Ao respecto, lembrou que distintos departamentos autonómicos subscriben convenios coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para reforzar aspectos como a participación en eventos de carácter institucional ou o desfrute dos espazos protexidos, centros de interpretación e aulas da natureza da Comunidade.

Explicou que tamén se fixeron avances ao abeiro da Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia, e sinalou que a Consellería de Política Social e Igualdade, no marco da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e o imposto de sociedades que xestiona, sufraga con case 700.000 euros quince programas que desenvolve a Federación en Galicia.

0.18447184562683