Asotrame achega ao HULA un programa de acompañamento a pacientes oncohematolóxicos

A Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame) dará un paso decisivo na súa labor de acompañamento a pacientes con cancro de sangue ao ampliar de forma inminente a súa presenza no Hospital Lucus Augusti de Lugo, onde porá en marcha o programa Apoio entre iguais dentro da planta de hematoloxía.
Esta iniciativa, avalada xa pola dirección do centro, permitirá que persoas que superaron leucemias, linfomas e outros cancros hematolóxicos visiten a pacientes actualmente en tratamento para compartir con eles vivencias, medos e esperanzas, axudándolles así a afrontar o diagnóstico e o proceso terapéutico desde unha perspectiva máis humana.
A partir do 2 de xuño, o voluntariado de Asotrame en Vigo será o encargado de poñer en marcha este proxecto no hospital lucense, con visitas periódicas a pacientes que desexen recibir este acompañamento emocional.
Elena Velasco, supervivente dun linfoma de Hodgkin e unha das principais impulsoras deste enfoque de humanización sanitaria, regresará ao hospital convertida en peza clave do programa. A súa experiencia como paciente será agora un valioso recurso para quen atravesa un momento semellante, nunha iniciativa que busca tender pontes entre quen xa percorreu o camiño e quen apenas comeza a andalo.
O outro gran apoio desta rede de coidados constitúeo o equipo psicosocial de Asotrame, que traballará da man co voluntariado para asegurar un acompañamento emocional seguro, empático e respectuoso cos procesos médicos en curso. En paralelo, e grazas a unha subvención da Xunta de Galicia destinada ao fomento do voluntariado a través do 0,7 % do IRPF, a asociación desenvolverá nas vindeiras semanas varias accións formativas para dotar a novas persoas voluntarias de ferramentas clave na comunicación positiva, na escoita activa e no respecto ás indicacións médicas, elementos fundamentais para unha intervención eficaz tanto en planta como a través do formato en liña, xa que o programa Apoio entre iguais mantén tamén encontros dixitais semanais.
Este novo impulso consolida a presenza de Asotrame na Área Sanitaria de Lugo, onde desde hai un ano persoal técnico da entidade visita cada primeiro luns de mes o Hospital Lucus Augusti para informar sobre os seus programas, ofrecer orientación a pacientes con cancro hematolóxico e brindar apoio ás súas familias. Coa implantación de Apoio entre iguais, a asociación reafirma o seu compromiso coa humanización dos coidados e a creación de redes de solidariedade arredor dos procesos de enfermidade.