ASPACE traslada á Xunta as prioridades do colectivo de persoas con parálise cerebral para 2026

GaliciaXa | LugoXa
A Federación demanda novas prazas de residencia, mellora de financiamento e un centro integral en Lugo
ASPACE-Lugo
11 Feb 2026

A Federación ASPACE puxo en marcha a súa axenda de diálogo institucional co obxectivo de trasladar aos responsables políticos as principais demandas das persoas con parálise cerebral en Galicia. O primeiro encontro celebrouse en Santiago de Compostela coa Directora Xeral de Discapacidade, Begoña Abeijón.

Durante a reunión, a xunta directiva da federación expuxo as necesidades prioritarias para 2026, destacando a importancia de garantir a sustentabilidade dos servizos e avanzar no recoñecemento de dereitos.

Entre as cuestións trasladadas destacaron o concerto de novas prazas de residencia e respiro familiar nas entidades ASPACE de Galicia, a revisión da financiación da federación, a actualización dos módulos do concerto social de prazas de parálise cerebral segundo o convenio colectivo de aplicación, o apoio para mellorar a financiación de ASPACE Lugo, a creación dun centro de atención integral en Lugo, a revisión dos criterios do copago respectando o mínimo vital, así como o incremento de fondos para novos proxectos e melloras nas instalacións e equipamentos.

Begoña Abeijón manifestou o seu compromiso de continuar traballando para dar resposta ás demandas do colectivo e avanzar na mellora da atención ás persoas con parálise cerebral en Galicia ao longo deste ano.

⚙ Configurar cookies
0.091575860977173