Aspnais celebra 60 anos cun acto sobre “Visións sobre a discapacidade” en Lugo

Comezan as celebracións dos 60 anos de Aspnais cun acto titulado “Visións sobre a Discapacidade”. Á cita están convidadas autoridades, especialistas, profesionais, usuarios e familias vinculadas co mundo da discapacidade.
O evento abrirase esta tarde de 8 de xaneiro ás 19.00 horas no Círculo das Artes coas intervencións de dous representantes da propia familia Aspnais: José Reigosa García, presidente da entidade, que falará sobre estes primeiros “60 anos creando familia”, e o usuario Javier Iglesias López, que ofrecerá unha charla baixo o título “A miña casa”, compartindo a súa experiencia persoal.
A continuación, intervirán especialistas no ámbito da discapacidade e a inclusión social. O profesor Ángel Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal e experto internacional en Xenética, membro da Real Academia Galega de Ciencias, achegará a súa visión científica sobre esta realidade.
Pepe Coira, guionista, produtor, crítico e docente, ofrecerá unha perspectiva sobre o mundo da discapacidade no audiovisual e na sociedade. Tamén falará Mónica Seijas Rodríguez, psicóloga e xerente de Aspnais, quen abordará o día a día da institución.
Pechará as intervencións Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, que compartirá a súa visión política e as accións da administración autonómica sobre a discapacidade.
O acto constitúe unha oportunidade para reflexionar sobre seis décadas de labor de Aspnais, así como para visibilizar o traballo, as experiencias e os retos relacionados coa inclusión das persoas con discapacidade na sociedade galega.