Atopan dúas lápidas de orixe romana nas obras do corazón Verde
A acaldesa anunciou hoxe que durante a execución dos traballos de peonalización que o Concello leva a cabo na rúa Quiroga Ballesteros foron achadas dúas lápidas funerarias de orixe romana. Na primeira inspección levada a cabo esta mañá polo Servizo municipal de Arqueoloxía puido constatarse que as pezas posúen un relevante valor histórico, xa que a súa datación situase entre o século I e o século II da nosa era. As pezas atópanse fora do contexto funerario para o que foron concibidas, polo que os arqueólogos consideran que puideron pertencer a un mausoleo dunha necrópole próxima, como a localizada na Praza de Ferrol nas escavacións arqueolóxicas dos aparcadoiros soterrados en 1986, que foi desmantelada en período romano para ampliar a cidade amurallada e cuxos restos foron reutilizados con posterioridade para distintos proxectos de obra civil e edificacións.
Unha das lápidas atópase nun excelente estado de conservación e conten información de valor histórico relevante. Na súa inscrición pode apreciarse o seu carácter funerario pola utilización da fórmula “Dis Manibus” (implorando a protección dos deus Manes, os deuses dos defuntos), que pertenceu ao sepulcro dunha muller chamada posiblemente Rufina. Na outra lápida non se observa aparentemente ningunha inscrición, polo que todo indica que estaba alisada e preparada para ser gravada pero nunca chegou a facerse, aínda que é necesario esperar a probas posteriores para confirmalo. A natureza granítica de ambas pezas suxire unha posible relevancia social dos destinatarios e polo aspecto é posible que no seu momento chegaran a ser policromadas con pigmentos vermellos.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, adiantou esta mañá durante a súa visita aos restos arqueolóxicos que a intención do Goberno local, unha vez cumprido co proceso regulamentario, é que as pezas poidan ser expostas dentro da rede museística municipal. “A aparición de restos arqueolóxicos desta relevancia supón unha excelente noticia para a nosa cidade. A recuperación y posta en valor do noso patrimonio supón unha oportunidade para todas e todos os lucenses. Traballaremos para desenvolver todo o seu potencial científico, histórico e divulgativo, con todas as repercusións culturais e económicas que a posta en valor destas pezas implica para Lugo”, sinalou a rexedora.
A rexedora tamén sinalou que este importante achado non afecta aos desenvolvemento dos labores que se realizan en Quiroga Ballesteros. Neste momento, ambas as dúas lápidas atópanse xa custodiadas polo arqueólogo da empresa adxudicataria da obra e serán inventariados para notificar a súa aparición a Consellería de Cultura cumprindo así coa normativa.