Auxilia Lugo celebrou unha gala solidaria para apoiar a inclusión das persoas con diversidade funcional

O Auditorio Gustavo Freire de Lugo converteuse no escenario da Gala Solidaria organizada por Auxilia Lugo, unha iniciativa que reuniu a numerosas persoas co obxectivo de recadar fondos a favor da inclusión das persoas con diversidade funcional.
O público puido desfrutar das actuacións do cantautor Adrián Vigo, do grupo tradicional Airiños de Orbazai e da banda de música celta Milesios, nunha velada que combinou cultura, compromiso social e solidariedade.
Entre os asistentes atopábanse representantes institucionais, como o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, e a concelleira de Cohesión Social de Lugo, Olga López Racamonde, que quixeron amosar o seu apoio á entidade.
Carlos López destacou o valor desta iniciativa, que cualificou como un escaparate idóneo para promover a integración das persoas con discapacidade, ao tempo que subliñou a importancia de implicar á sociedade en accións que favorezan a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.
A Gala enmárcase nas actividades que Auxilia Lugo impulsa ao longo do ano e que contan coa colaboración da Deputación Provincial, entidade que tamén apoia a delegación de Monforte de Lemos no desenvolvemento de programas como o de promoción da autonomía persoal no ámbito rural, dirixido a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade física nos concellos da provincia.