Auxilia Lugo promove unha excursión para participar nun percorrido por Antas de Ulla

LugoXa
Auxilia Lugo busca facer da natureza un espazo accesible para todas as persoas, co obxectivo de promover unha vida máis inclusiva
Nuria-Neira-Delegada-de-Auxilia-Lugo
18 Mar 2025

Este sábado 22 de marzo, un autobús de Auxilia Lugo sairá rumbo a Antas de Ulla para participar na andaina organizada por Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa, o Concello de Antas de Ulla, Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia.

A actividade, que promove a inclusión e o acceso á natureza, é unha nova proposta dentro da colaboración anual de Auxilia Lugo para ofrecer saídas accesibles a todos os públicos.

A camiñada desenvolverase polo entorno natural da zona, comezando no Pazo de Santa Mariña de Catro de Amarante, en Antas de Ulla. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, Auxilia Lugo busca facer da natureza un espazo accesible para todas as persoas, co obxectivo de promover unha vida máis inclusiva.

Nuria Neira, delegada de Auxilia Lugo, expresou o seu agradecemento polo compromiso das organizadoras, Lorena López e Mónica Díaz, que traballaron para garantir a accesibilidade física do evento. "É fundamental que iniciativas como esta sigan adiante para que cada vez máis persoas poidan disfrutar de actividades no medio natural sen barreiras", destacou Neira. Ademais, agárdase unha gran participación nesta actividade, o que contribuirá á realización de futuras saídas accesibles para toda a comunidade.

As prazas para participar na andaina son limitadas, polo que é imprescindible realizar unha inscrición previa. As persoas interesadas poden facelo a través do correo electrónico info@comarcadelugo.gal ou solicitando máis información directamente en Auxilia Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.55248618125916