Auxilia Lugo valora a accesibilidade do Auditorio Fuxan vos Ventos e propón melloras

Auxilia Lugo puxo en valor o traballo realizado polo Concello de Lugo na adaptación do novo auditorio Fuxan os Ventos para garantir a inclusión das persoas con mobilidade reducida.
Entre as medidas implementadas, a entidade destaca a reserva de espazos na sala principal e a habilitación de prazas de estacionamento accesibles, o que facilita un mellor acceso a todos os usuarios.
Porén, dende Auxilia Lugo consideran que aínda existen aspectos a mellorar nas instalacións e na súa contorna. Con máis de 53 anos de experiencia na loita pola accesibilidade física, a organización conseguiu importantes avances, como a instalación do ascensor na Muralla de Lugo. Seguindo esta liña, realizaron unha avaliación do acceso ao auditorio dende a chegada ao recinto.
Un dos puntos sinalados na súa análise é a localización das paradas de transporte público, xa que actualmente se atopan na parte baixa do auditorio. Para chegar á entrada principal, os usuarios deben subir escaleiras ou rodear o edificio, enfrontándose a unha pendente pronunciada que pode dificultar o acceso.
Como solución, Auxilia Lugo propón a instalación dun timbre na entrada baixa do edificio, permitindo ás persoas con mobilidade reducida solicitar asistencia para acceder a través dos ascensores.
En canto ás instalacións internas, a entidade suxire varias melloras nos aseos, como a incorporación de timbres de seguridade para previr riscos en caso de caídas e a instalación de barras de apoio nos inodoros.
Por outra banda, nas zonas destinadas á realización de espectáculos, detectouse a necesidade de colocar unha barreira de seguridade nos espazos reservados para evitar caídas debido ao desnivel existente. Ademais, recoméndase garantir o acceso dos acompañantes das persoas con mobilidade reducida mediante a reserva de prazas contiguas.
No auditorio con maior capacidade, Auxilia Lugo suxire aumentar o número de prazas destinadas a persoas con mobilidade reducida ata alcanzar o 1% estipulado por lei. Propúxose ubicar estas prazas adicionais na parte traseira da última fila de butacas laterais, onde o ancho do acceso é maior e se mantén unha distancia óptima para a circulación dos asistentes.
Finalmente, a organización agradece a invitación para valorar a accesibilidade física do auditorio Fuxan os Ventos e recalca a importancia de seguir traballando na eliminación de barreiras arquitectónicas, unha tarefa aínda pendente na sociedade.