AVA demanda o arranxo urxente da Casa da Cultura de Antas

LugoXa
AVA afirma que existen problemas de mantemente nos baños, nas paredes, coa calefacción, etc, na casa da cultura de Antas.
CASA cultura antas
25 Abr 2021

"A Casa da Cultura de Antas de Ulla é un auténtico centro de vida: alí dámonos cita todas as semanas, e sobre todo nas fins de semana, ben máis dun cento de persoas, dende cativos até maiores. É lugar de desenvolvemento preferente das actividades das nosas asociacións, polo tanto, sitio de encontro, de creación, de socialización... É un edificio público fundamental", explican dende AVA.

Este colectivo asegura que o mantemento do local "deixa moito que desexar nos últimos anos". Afirman que existen problemas nos baños, nas paredes, coa calefacción, etc. E nos últimos meses, goteiras que provocan unha importante entrada de auga no salón de actos cada vez que chove forte ou hai treboada. "A auga estraga as butacas, as paredes e pode chegar a derramar os útiles das asociacións (algúns deles electrónicos)", din.

Engaden que a responsabilidade do seu mantemento e coidado é do Concello. "Leva anos desatendida, os problemas non son de agora, mais estanse agravando. Dende que concorremos ás eleccións do 2019, AVA estivo presente na aprobación do orzamento municipal de tres exercicios: 2019, 2020 e 2021. Nos tres debates de aprobación do orzamento pedimos que se reservara unha partida suficiente para o mantemento da Casa da Cultura. Mesmo chegamos a impugnar o orzamento de 2021 por falta de previsión de gasto para mantemento de edificios públicos".

2Até o momento non se solucionaron os problemas desta instalación de transcendental importancia para a veciñanza. No orzamento deste 2021 (aprobado fóra de prazo recentemente) resérvase unha partida de 27.000 euros para a Casa de Cultura, Colexio e Centro de saúde. En principio, parece unha cantidade insuficiente: no vindeiro Pleno preguntaremos cando se vai executar este gasto e en que van consistir as intervencións. Faremos fincapé na necesidade de efectuar con premura os arranxos que precisa a Casa da Cultura", engaden.

"Está ben que as Administracións invirtan no noso Concello, como se ten anunciado e celebrado nos últimos tempos, pero é de responsabilidade e obriga que quen ten as competencias vele polo mantemento e o coidado dos edificios e infraestruturas. En definitiva, polo coidado das inversións que se pagan cos cartos de todos... Non si?", conclúen.

0.20848083496094