Ava esixe ao goberno de Antas de Ulla a aprobación "urxente" dos orzamentos
Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (AVA) reclama ao equipo de goberno local a aprobación "urxente" dos orzamentos municipais de 2021 que, entenden, deberían estar elaborados "xa a finais de 2020".
A portavoz de Ava, María Gontá, considera que "hai tres áreas de vital importancia que levan anos desatendidas nas contas municipais e que precisan de investimentos inmediatos". Neste senso, sinala que precisan atención "sen demora" as pistas e estradas de titularidade municipal. Ava propuxera fai meses a elaboración dun inventario no que se recollesen todos os puntos desas vías que precisan mantemento, para ir determinando os traballos de reparación en función do seu grao de deterioro. "Desde Ava consideramos que sería óptimo que nos próximos orzamentos tiveran en conta dito plan para así contemplar o inicio da súa execución este ano", di Gontá.
De igual xeito, Alternativa Veciñal de Antas reclama que se destine una partida específica a realizar melloras no centro de saúde "porque o anuncio da construción dun novo centro non exime ao Concello de manter en condicións o actual edificio" e que se contemplen actuacións na Casa da Cultura, "cuxo estado deixa moito que desexar" e plantexan que se fagan con cargo aos fondos do Plan Único da Deputación.
Doutra banda, Ava insta tamén ao goberno local a manter durante este ano as exencións no pago das tasas municipais de recollida de lixo e de instalación de terrazas "a aqueles negocios que se viron na obriga de pechar as súas portas durante o estado de alarma", así como a dotar de contido económico ao fondo municipal de axudas para situacións de emerxencia social.