Ava pregunta pola construción do centro de saúde de Antas
Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (Ava) preguntará no vindeiro pleno sobre a construción do centro de saúde do municipio, un proxecto que o Sergas e o Concello anunciaron fai un ano, momento no que asinaron un protocolo de colaboración.
O grupo municipal, que denuncia a "escasa información que ten a veciñanza", preguntará sobre os prazos nos que está previsto que se execute a obra. Tamén se interesará tamén pola vontade do goberno local e da Consellería de Sanidade de elevar o protocolo de colaboración a un convenio. "Os protocolos expresan a vontade das administracións, pero non son vinculantes. Só os convenios teñen efectos xurídicos", indicou a formación.
Desde Ava tamén declaran que, ademais de construír unhas novas instalacións, "faise necesario manter de xeito correcto as actuais, e que o Sergas debe comprometerse a cubrir con dilixencia as ausencias do persoal sanitario". Lamentan que "a pesar das promesas este 2021 non vai ser o ano dun novo centro de saúde para Antas de Ulla".