AVA propón a creación dunha mesa de traballo para elaborar un plan municipal
"Antas de Ulla é o concello da nosa comarca con menor poboación. Non chegamos aos 2000 habitantes actualmente fronte aos arredor de 3500 habitantes cos que contan os outros dous concellos da comarca", engaden dende a formación política.
Doutra banda, en Antas de Ulla contamos cun PXOM que aínda non foi aprobado de xeito definitivo.
Polo anterior ven necesario que o Goberno municipal de Antas de Ulla elabore un plan a medio-longo prazo que teña como obxectivo revertir a situación de despoboamento que sufre o Concello.
Piden que sexa un plan no que participe o pleno municipal ao completo, someténdoo a revisión e diálogo constantes, promover a rehabilitación e posta en alugueiro de vivendas que actualmente están deshabitadas, diminución no pago do IBI e solicitar ao goberno autonómico que promova un plan municipal de rexeneración urbanística para pequenos municipios. Tamén piden habilitar un espazo coworking e retomar a tramitación do PXOM.