AVA propón ao Concello unha mellor difusión de información na súa web
Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (AVA) remitirá unha proposta á Alcaldía para que o Concello faga por mellorar a difusión e a publicidade das súas propias ofertas de emprego. É un feito que o Concello de Antas de Ulla xera un importante número de empregos en relación á poboación que hai. De feito, o orzamento municipal contempla unha partida que vai máis aló dos 1.2 millóns de euros para o pagamento dos salarios, dun total de 2.5 orzamentados.
É preciso que, por parte de quen goberna, se cumpran estritamente os principios legais de contratación que afectan ás institucións públicas. Co obxectivo de que todos os cidadáns que estean interesados partan dunha situación de xustiza e igualdade á hora de acceder aos postos de traballo municipais, é imprescindible que se faga a máxima publicidade das ofertas de emprego, así como da apertura de bolsas para a creación de listaxes de contratación, según afirmou a propia Asociación.
Neste sentido, AVA propón que, xa que se utilizan con frecuencia, se dea difusión a través das redes sociais do Concello ás ofertas de emprego que dependan da propia institución e á posible apertura de bolsas para a creación das ditas bolsas de contratación. Igualmente, cren oportuno crear na web oficial un apartado coa mesma finalidade e, por suposto, que nas diferentes parroquias, nos lugares nos que habitualmente se expón a información relativa ao Concello (bandos e demais), se expoña tamén información referente ás vacantes e ofertas de emprego de xestión municipal.