AVA propón crear un centro de día no actual centro de saúde de Antas

LugoXa
O grupo municipal propón crear este servizo cando se constrúa o novo centro médico anunciado para o municipio
12 Mar 2021

Alternativa Veciñal de Antas vén de rexistrar unha moción para solicitar a creación dun centro de día no municipio. Propoñen que o servizo se ubique nas instalacións do actual centro de saúde ou que se inclúa nas obras de ampliación previstas na residencia de maiores.

O grupo municipal teme que, co recente anuncio da construción dun novo centro de saúde, "se abandone definitivamente" o proxecto do centro de día mentras o edificio do actual centro médico "pode quedar abandonado, como outros inmobles públicos" de Antas. Por este motivo, propoñen que se estude o arranxo e acondicionamento do edificio que vai quedar baleiro para instalar o centro de día ou que, como posible alternativa, se reserve un espazo nas obras de ampliación da residencia da terceira idade "que a Xunta acaba de anunciar para este municipio".

Para a concelleira María Gontá, esta pode ser "a última oportunidade" para ter un centro de día en Antas de Ulla e entende que as opcións que propón a agrupación veciñal serían "as máis prácticas e económicas", polo que urxe que o Concello "a buscar apoio institucional da Xunta ou da Deputación para que non volva a quedar postergado o proxecto".

Na súa moción, AVA argumenta que o centro de día é "un proxecto esencial" para o municipio, porque "conséguese garantir o dereito das persoas maiores a estar atendidas en condicións dignas e, ademais, porque un servizo destas características é un elemento que permite dinamizar o municipio, potenciar o comercio local e crear de postos de traballo de calidade".

0.19818115234375