AVA propón habilitar un espazo de traballo compartido
Dende a Asociación de veciños de Antas de Ulla solicitan que o alcalde comece a valorar e analizar a viabilidade dun proxecto para habilitar un espazo de traballo conxunto para novos emprendedores/as e autónomos/as ou para empresas da zona.
Así pois, defenden que no concello de Antas de Ulla "non existe ningún espazo de traballo para empresas, autónomos/as ou novos emprendedores que, polas características do seu negocio, se vexa na necesidade de contar cunha pequena oficina ou sala de traballo acondicionada con conexión á rede, teléfono, ordenador, impresora, sala de reunións… que pode compartir con outros usuarios".
Por esta razón fan un chamamento ao alcalde porque estes espazos xa se atopan en moitos concellos da autonomía e comprenden, polo xeral, varias oficinas e espazos comúns coma sala de xuntas e recepción de usuarios, entre outras. "O máis importante neles sería unha correcta conexión á rede, ordenadores, teléfonos e impresoras á disposición dos usuarios, sala de xuntas correctamente equipada; na que se puidera facer un uso do espazo gratuíto ou cunha cota mínima, simbólica".
"Entendemos que algo que para o concello pode ser asumible -se conta cun edificio municipal para darlle tal fin-, como asunción de pagos de facturas de suministros básicos e conexión á rede, así coma mantemento e limpeza do espazo; para o emprendedor/a, autónomo/a ou empresa pode ser un impedimento para a execución correcta da súa actividade" engaden dende a asociación.
Así pois tamén sinalan que un espazo que se podería axustar ao anteriormente mencionado pode ser a Casa da Irmandade "solicitamos que o alcalde teña en conta a posibilidade de rehabilitación da Casa da Irmandade para tal fin, ou que analice que outros espazos poderían ser aptos para o mesmo".