AVA reivindica un centro de día á Xunta de Galicia
Alternativa Veciñal de Antas de Ulla presenta unha iniciativa para poder contar no Concello cun centro de día. "Desta volta, remitimos escrito á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, dependente da Consellería de Política Social. Tomamos a decisión de dirixirnos á Xunta de Galicia debido a que no último Pleno ordinario, celebrado a finais de marzo, a nosa proposta para que o Concello asumira a iniciativa e se implicara na posta en funcionamento dun centro de día público e de carácter municipal, fora botada abaixo cos votos en contra do Alcalde, Javier Varela, e do resto de Concelleiros do Partido Popular.
"A nosa solicitude céntrase en que a dita Dirección Xeral promova a apertura dun servizo de centro de día de carácter público en Antas de Ulla. Así mesmo, propuxemos que se valore a posibilidade de aproveitar as obras que se acometerán no centro da terceira idade, para reservar un espazo nesas mesmas instalacións que poida funcionar como centro de día. Tamén suxerimos que se estude, en colaboración co Concello, a habilitación e acondicionamento do edificio do actual centro de saúde como centro de día, toda vez que a Consellería de Sanidade vai construír un novo centro de saúde e o edificio que o alberga agora vai quedar sen utilidade".
En concordancia co que acontece no eido demográfico doutros lugares de Galicia, en Antas de Ulla vívese unha acusada tendencia nas últimas décadas á perda de poboación e ao avellentamento da mesma. Os datos consolidados do Instituto Nacional de Estatística apuntan a que o municipio conta cunha poboación de 1940 persoas, situándose a media de idade máis aló dos 56 anos. O índice de avellentamento dado polo Instituto Galego de Estatística é de 491 por 100. Dito doutro xeito, hai 491 persoas maiores de 65 por cada 100 menores de 16. En termos totais en Antas hai 140 menores de 16 anos fronte 773 persoas maiores de 65. Este perfil demográfico debuxa un presente (e unha tendencia de futuro) no que unha gran cantidade de persoas do total da poboación se atopa en idade anciá, un momento no que as necesidades de coidados se acentúan.
No que se refire ao coidado da terceira idade, Antas de Ulla conta cun servizo de apartamentos tutelados, que na actualidade pode acoller a unhas 15 persoas. Ademais, tamén está en funcionamento o servizo de atención no fogar (de xestión municipal) que achega unha prestación de carácter fundamental para atención de proximidade. Sin embargo, xa no 2009 o Goberno local chegara a comprar unha parcela para a implantación dun centro de día, mais o proxecto nunca chegou a materializarse. No pasado mes de setembro esa mesma parcela foi cedida ao SERGAS para construír un novo centro de saúde, quedando paralizado indefinidamente o proxecto do centro de día.
"Os centros de día son unha ferramenta de gran utilidade para asegurar unha boa prestación de coidados ás persoas maiores. Permiten ofrecer unha atención integral sociosanitaria durante o período diúrno ás persoas en situación de dependencia ou en risco de estalo, mellorando o seu nivel de autonomía sen afastalas da súa contorna familiar e apoiando ás súas familias e persoas coidadoras. Así que, no que toca á nosa parte: dende AVA seguiremos insistindo na necesidade de poñer en funcionamento un centro de día; un servizo de coidados imprescindible nun entorno coma o noso, en declive demográfico e cunha constante alza do avellentamento".